Presentación da sexta edición do Clasclás | © Concello de Vilagarcía de Arousa

A sexta edición do Clasclás chega o 26 de xuño a Vilagarcía coa estrea de paneis acústicos para optimizar a audición dos concertos

9 Febreiro 2023

  • Vilagarcía xa ten fixada a data para a celebración do Clasclás, o Festival Internacional de Música Clásica
  • O esperado evento cultural desenvolverase do 26 de xuño ao 1 de xullo, segundo deron a coñecer o alcalde, Alberto Varela, e a directora do Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía, Rosina Sobrido, na presentación da que será a sexta edición do certame
  • Coa sutil imaxe dun ave iniciando o voo e o lema de ‘Allegro, ma non troppo’, o certame quenta motores
  • A lista de intérpretes e a programación completa de concertos presentarase no mes de maio

O alcalde abriu o acto para amosa a satisfacción de presentar unha nova edición do ClasClás, un evento que converte a Vilagarcía en capital da música clásica a nivel galego, e incluso do Estado. Varela comentou que pese a tratarse dun festival recente, xa está plenamente consolidado e é unha cita moi esperada tanto polo público como polos artistas que se interesan por participar nel. Neste punto a directora do Conservatorio engadiu que cada ano que pasa son máis os intérpretes que chaman dende todas partes do mundo interesados en participar no Clasclás, “o que ademais de ser unha satisfacción, aínda que nos obriga a descartar a moitos deles, permítenos elixir para facer o mellor programa posible”.

Varelas Paz incidiu na calidade do festival, “froito da implicación dunha longa lista de persoas que traballan para que así sexa”, citando tanto á directora e a xefa de estudos do Conservatorio, ata os membros da Sociedade Filarmónica de Vilagarcía, ao director da Escola Municipal de Música, e ao persoal dos departamentos municipais de Educación e de Comunicación, sen esquecerse doutros colaboradores e patrocinadores.


Presentación da sexta edición do Clasclás | © Concello de Vilagarcía de Arousa

En canto á imaxe e o lema elixidos para o cartel do Clasclás deste ano, Sobrido explicou que reúnen a esencia do festival vilagarciá: a delicadeza, o ritmo e, ao tempo, o son do “clasclás” do bater das alas da ave coa auga ao iniciar o seu voo.

O alcalde tamén fixo fincapé no que “fai único e especial ao Clasclás”, o que o diferenza de calquera outro festival de música clásica: as súas vertentes formativa e social. Non hai que esquecer que os obxectivos do festival son formar aos músicos noveis, popularizar a música clásica con concertos de balde que permitan a todo tipo de públicos coñecela e gozala, ademais de ofrecer un apartado dedicado especialmente ás persoas con diversidade funcional. Sobrido apuntou que na edición deste ano serán 400 as persoas de 20 entidades sociais as que gocen destes concertos “que eles tanto gozan e a nós tanto nos emocionan”.

O festival de 2023 volverá a contar co Guarneri Trío de Praga, que repite na dirección artística do certame polo éxito acadado en anteriores edicións e que volverá a ofrecer grandes concertos en solitario e tamén acompañados de diferentes ensembles e/ou artistas que cumpran cos requisitos de alta calidade artística e solvencia interpretativa.

Unha das noticias dadas a coñecer na presentación é que a lendaria formación checa doou ao Concello de Vilagarcía un sistema de paneis acústicos que se estreará nos concertos do Clasclás e que permitirá optimizar a experiencia musical elevando a calidade da audición, tanto para o público, como para os propios intérpretes.

O festival manterá a estrutura tradicional sustentada en catro piares: O Programa Artístico, que dirixe o Guarneri Trio de Praga e que contará con seis concertos; o Programa de Masterclasses, protagonizado pola dirección artística xunto con outros artistas convidados e que está pensado, cada vez máis, para o beneficio do alumnado do de Vilagarcía e de alumnado convidado doutros centros; o programa Clasclás a Pé de Rúa, no que agrupacións do Conservatorio e da Escola Municipal de Música actuarán en diferentes prazas e espazos de interese cultural da nosa cidade; e o antes comentado Programa Social e Comunitario.


clasclas

Está pasando!