Exposición ‘Picasso protagonista’ | © Afundación

Afundación presenta en Pontevedra unha orixinal mirada a Picasso a través dos grandes nomes do cómic actual

19 Outubro 2023

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta en Pontevedra a exposición «Picasso protagonista. Viñetas no cómic español contemporáneo», unha orixinal mirada á figura e obra deste artista universal, no ano en que se conmemora o cincuenta aniversario do seu falecemento.

Comisariada polo especialista en cómic Asier Mensuro, esta mostra rende homenaxe a un dos artistas clave da vangarda do século XX e icona da modernidade a través dun orixinal percorrido por máis de 170 pezas, moitas delas concibidas expresamente para esta exposición.

A mostra poderase visitar ata o vindeiro 13 de xaneiro no Café Moderno Afundación, de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 horas, e os sábados de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas.


Exposición ‘Picasso protagonista’ | © Afundación

Unha vez máis, Afundación promove a linguaxe da ilustración e do cómic, como veu facendo nos últimos anos con proxectos como a «Mostra de Ilustración Contemporánea», nas súas diferentes edicións; o «Festival Internacional de Cinema de Animación Imaxinaria»; a exposición antolóxica de David Rubín en Ourense e A Coruña; ou a incorporación aos fondos da súa Colección de Arte, en 2017, dun cómic de Jacobo Serrano.

Ademais, a Área Educativa de Afundación deseñou unha completa programación didáctica con actividades para todas as etapas escolares mediante as que afondarán no mito do malagueño para entender como se integra no imaxinario colectivo da nosa cultura actual. Xa contan con máis de 800 escolares anotados para asistiren.

«Picasso protagonista» propón unha reflexión coa que profundar no mito de Picasso e entender como se integra no imaxinario colectivo da cultura española do noso tempo. Con tal propósito, está representado o traballo de 40 recoñecidas autorías galegas e españolas, en cuxas viñetas e creacións de moi diversos soportes percíbese a pegada do gran Picasso. Convivindo coas clásicas historietas en papel, móstranse cómics en lenzo, obras en gran formato, cómics despregados no espazo, instalacións específicas ou xogos de mesa experimentais.

Esta exposición enmárcase na iniciativa CULTURA POR ALIMENTOS, en colaboración con FESBAL, co fin de axudar os bancos de alimentos locais. Convidámoste a colaborares cunha doazón de alimentos non perecedoiros ao accederes á mostra.


Exposición ‘Picasso protagonista’ | © Afundación

A EXPOSICIÓN

Paco Roca, Eneko, Ángel de la Calle, Javier Olivares, María Herreros, Tony Fernández Pons, Laura Pérez Vernetti, Idígoras e Pachi, e as creadoras e creadores galegos David Rubín, Jacobo Serrano, Cynthia Alonso ou Óscar Raña, son algunhas das prestixiosas autorías que compoñen este orixinal e inédito retrato sobre o pintor malagueño.

Unha relación que acolle numerosos premios nacionais de cómic, distinguidos co Premio Nacional de Ilustración, gañadores e candidatos a premios Eisner, ilustradores de The New York Times, Cómics Disney, Angry birds ou El Jueves, entre outras importantes plataformas. En definitiva, nomes de referencia que permiten realizar unha análise rigorosa e innovadora sobre a figura de Pablo Picasso na creatividade do século XXI.

O percorrido expositivo estrutúrase en varias seccións que mostran unha lectura do artista a través de distintos enfoques:

  • «O mito de Picasso», que mostra a súa carreira como artista, a súa encarnación como mito da xenialidade e vangarda, ou a súa figura como icona pop do noso tempo.
  • «Picasso e outr@s artistas», que aborda a súa relación con outros pintores coetáneos como Dalí, Miró ou Duchamp, achégase á figura de pintores anteriores a el, que admiraba e cuxas influencias se perciben nas súas propias creacións como El Greco, Velázquez e Goya, e presenta, finalmente, artistas posteriores ao malagueño e asociados a el nas obras dos historietistas, como Eugenio Merino ou o Nido de Elche.
  • «A guerra civil española e Guernica», que trata o posicionamento de Pablo Picasso a favor da República durante o conflito bélico, e en especial a súa obra máis recoñecida, Guernica.
  • «Grafismos e linguaxes» presenta os diversos estilos pictóricos que o artista crea ao longo de toda a súa carreira e, en especial, a súa participación na creación da linguaxe cubista.
  • «Iconas picassianas e herdanzas gráficas» aproxímase á utilización por parte dos historietistas españois actuais de diversas iconas procedentes dos lenzos de Picasso e á influencia nas súas obras do estilo do xenio da vangarda.
  • «Outra visión sobre Picasso» que mostra a diferente percepción do mito de Picasso fóra de España a través da mirada do importante historietista arxentino Liniers, autor da tira de prensa Cosas que, a lo mejor, le pasaron a Picasso.

Está pasando!