© Afundación

Afundación presenta ‘Vexo, vexo. Que ves? Xogo, humor e metáforas na Colección de Arte Afundación’ en Vigo

2 Abril 2022

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta un novo proxecto expositivo na súa Sede de Vigo, ‘Vexo, vexo. Que ves? Xogo, humor e metáforas na Colección de Arte Afundación’.

Trátase dunha montaxe concibida para o público escolar, desde un punto de vista divulgativo e co fin de achegar a arte contemporánea ás nenas e nenos. Poderán coñecer os conceptos e temas presentes ao longo da historia da arte dun xeito lúdico e a través dunha selección de obras contemporáneas da Colección de Arte Afundación.

A mostra está só aberta, ata o 22 de xuño, para visitas dos centros educativos, e é preciso concertar un reserva previa coa Área Educativa de Afundación a través do correo electrónico areaeducativavigo@afundacion.org ou no teléfono 986 129 032.

Este proxecto arredor da Colección de Arte Afundación reflexiona sobre a capacidade comunicativa do humor e as metáforas, así como das propostas máis lúdicas a través de 27 pezas de autorías e soportes moi diversos: desde debuxos de Castelao, esculturas de Xurxo Oro Claro, ata a banda deseñada sobre a propia colección de Jacobo Fernández, entre moitas outras.

‘Vexo, vexo. Que ves? Xogo, humor e metáforas na Colección de Arte Afundación’

A arte ten infindos recursos para trasladar experiencias, sensacións e mensaxes. O humor e a metáfora visual, canda a súa vertente lúdica, son algúns dos mecanismos máis interesantes para procesar a realidade, xa que supón facelo dun xeito menos evidente e máis creativo. A arte contemporánea evita enunciar directamente as mensaxes, tende a evocalas e dar un papel activo ao público, polo que se serve destes recursos dunha maneira singular. Igual que no xogo infantil ‘Vexo, vexo! Que ves?’, no percorrido por esta exposición vanse apañando intuitivamente todos os detalles da peza de arte como se fosen pistas, ata chegar a resolver o que nesta ocasión, e por se tratar de arte contemporánea, pode que teña moitas respostas.

A retranca, como emblema comunicativo do carácter galego, está moi presente nesta escolma de artistas do país. Esas chiscadelas visuais teñen grandes méritos. Permitiron coar mensaxes incómodas, zafarse de censuras e tamén conectar co público, ao proporcionaren unha versión máis amable e divertida da arte, aínda falando de asuntos de envergadura, como a guerra, o amor, a natureza e a súa deterioración, ou a propia arte.

Programa didáctico

  • Visita creativa con obradoiro | Desde infantil ata 3.º de primaria | Duración 1 h 15 min
  • Visita creativa con obradoiro | Desde 4.º de primaria ata 2.º de ESO | Duración 1 h 30 min
  • Visita comentada con obradoiro | Bacharelato e ciclos formativos | Duración 1 h 30 mi
Está pasando!