Ailá | © Sara Pardo Lareo

Ailá chega a Cangas o venres 28 de maio para facer festa e facer bailar

22 Maio 2021

O cuarteto conformado por Ángela Carou, Abel Gañete, Manuele Pardo e Xan Pampín presentará en directo, o venres 28 de maio en Cangas, o seu primeiro traballo discográfico, tamén nomeado “Ailá”.

A cita, cuxas entradas están á venda en ataquilla.com, terá lugar no Auditorio Municipal de Cangas a partir das 20.00 horas e o directo contará coa participación das pandeireteiras Lina e Lola, ademais da Asociación Cultural Peis D’Hos.

Ailá pretende espallar polo país a vertente festiva do baile e o canto tradicional. Con esta intención a banda propón achegar ao público, a través do seu primeiro disco, unha óptica moderna da tradición oral galega acompañada de sonoridades festivas e actuais.

O álbum homónimo publicouse o pasado luns 26 de abril e presenta un repertorio un total de trece temas baseados na análise e investigación en numerosos arquivos sonoros.

Cantos de lugares tan dispares coma Laxoso (Ponte Caldelas), Santa Mariña do Barro (A Baña), Abeneiros (Ordes), Coles (Ourense), San Martiño de Galegos (Frades) ou Os Seixedos (Covelo) serven de inspiración á hora de compoñer o disco, que Ailá completa con arranxos que beben de ritmos contemporáneos e foráneos, cunha clara intencionalidade festiva.

A hibridación con outras sonoridades, sen perder a singulariedade das músicas de raíz, fan de Ailá unha proposta dinámica, coidada e meticulosa que dá boa conta do inmenso patrimonio vinculado ao canto e danza tradicional.



AILÁ

Ailá pon de manifesto a vixencia e a necesaria reivindicación da esencia da música de creación colectiva. A banda, formada por Ángela Carou, Abel Gañete, Manuele Pardo e Xan Pampín, e fraguada nas noites de foliada na Casa das Crechas, agroma no panorama musical galego para abrir novas sendas para espallar o amor polo baile e a música tradicional.

Co tradi por bandeira e como xeito de vida, Ailá banda bebe da tradición para ofrecer ao público unha visión moderna e lúdica da creación colectiva.

Logo de representar a Galicia no Celtic Connection 2020 e de seren premiados no Festival Interritmos 2020, na primavera de 2021 o grupo da a coñecer o seu primeiro traballo discográfico, tamén nomeado “Ailá”. Con el, presentan propoñen unha ducia de temas (máis un de agasallo) na que percorren múltiples fontes patrimoniais para dar boa conta da alegría e da enerxía que desprenden o canto e aas danzas tradicionais.

Está pasando!