Presentación de BVM 2023 | © Concello de Pontevedra

Ben Veñas Maio celebra o seu 30 aniversario promovendo o uso do galego entre o alumnado de Pontevedra

1 Marzo 2023

Até sete certames distintos serán celebrados este ano, que van desde o uso das novas tecnoloxías até a escritura de relatos curtos, pasando pola poesía ou a música


O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, acompañado da profesora de lingua e literatura galegas e coordinadora do Ben Veñas Maio, Begoña Davila; presentou a edición deste certame, clásico da cidade de Pontevedra, e un dos máis lonxevos no referido á normalización e dinamización da lingua dentro da Boa Vila.

O Ben Veñas Maio é un conxunto de certames que se desenvolven a través dos centros de ensino públicos do municipio, e que este ano cumpren tres décadas —non todos, pois hai certames que se foron incluíndo co tempo, pero si é así no caso de Narración curta ou Banda deseñada, por exemplo—.

«É un programa que foi medrando, perdendo algúns certames e gañando outros, como foi o ano pasado, no que se introduciu o de vídeos de Tik Tok e Reels. Neste 2023 aspiramos que medre a participación, unha vez recuperada a normalidade postpandemia», indicou o edil. «Ben Veñas Maio é un proxecto moi interesante, que permite traballar a lingua desde distintos eidos e campos comunicativos. Nos últimos anos é certo que a creación cultural galega non para de medrar, por iso cómpre incorporar novas destrezas e novos certames, motivar á mocidade a crear contido nestes campos é moi interesante porque lles axudará a escoller que facer no futuro».



Para esta edición, Oubiña explica que non haberá cambios notables no sistema de traballo e de propostas para o mesmo, mais serán introducidas dúas pequenas novidades: no certame de Tik Tok e Reels baixará a idade de participación até os 13 anos, e no certame musical agora estarápermitido que unha mesma persoa participe en distintas bandas, «atende a algo habitual na mocidade, que é estar en distintos proxectos que moitas veces non teñen que ver entre eles, e así amplía o abanico de estilos e ofertas».

O edil lembra que o ano pasado houbo un ambiente «espectacular» no Pazo da Cultura, baseado na colaboración e na socialización entre todas as bandas e persoas participantes. Ademais, este ano tamén serán retomados os obradoiros de apoio e incentivo á creación cultural —estreados o ano pasado—, cunha docencia «cen por cen de Pontevedra», con nomes como Producciones Mutantes, Paula Andrés ou Kiko da Silva e Zaida Novoa. Comezarán nas vindeiras semanas co obxectivo de apoiar á rapazada para que participe, a través de trucos, consellos e apuntamentos para mellorar as súas capacidades. Xa hai máis de 70 obradoiros solicitados polos centros.

A gala de entrega de premios será no Pazo de Cultura, como todos os anos, e tamén se celebrará a final do certame musical. Será o sábado 13 de maio do 2023, a partir das 18:00 horas.

Nos certames de vídeos de Tik Tok, Reels, curtametraxes, fotografía, banda deseñada, narración curta e poesía os premios son de 150 euros e 100 euros (primeiro e segundo) máis un lote de libros. No caso do certame musical, haberá de tres premios de 450, 300 e 150 euros. As bases poden ser consultadas polo miúdo na web do servizo de Normalización lingüística https://snl.pontevedra.gal/.

Pola súa banda, Begoña Davila sinalou que é unha mágoa que a día de hoxe a rapazada «nunca tan pouco falou galego», por iso certames deste tipo son enormes ferramentas para o uso e o emprego do galego entre a mocidade. «É indispensábel a colaboración das distintas institucións, neste caso do Concello, pois só desde os centros escolares non seríamos quen de facer demasiado».


Está pasando!