Bota a andar unha nova edición da mostra colectiva e multidisciplinar ‘Do final e do comezo’, con traballos de Grao de alumnado e Belas Artes

16 Decembro 2024

  • A inauguración tivo lugar este venres 13 ás 19h. na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura e está organizada polo Concello de Pontevedra e a Facultade de Belas Artes, comisariada por María Gar e coordinada por Vacío Cero
  • A exposición conta cos traballos de Fin de Grao de 28 artistas da facultade pontevedresa entre os que podemos atopar creacións audiovisuais, esculturas, cerámicas, pinturas, pezas inmersivas, videoxogos, debuxos, fotografías, instalación, etc.
  • Ata a data da clausura, o 12 de xaneiro, terán lugar diferentes actividades dinamizadoras tales coma visitas guiadas para todos os públicos ou obradoiros para adultos, ambas con inscrición de balde e xa activa en apuntate.pontevedra.gal
  • A Sala de Exposicións do Pazo da Cultura permanecerá aberta de martes a venres de 18 a 21h. Sábados de 12 a 14h. e de 18 a 21h. Domingos e festivos de 12 a 14h.

Un ano máis a exposición colectiva ‘Do final e do comezo’, reúne unha selección de proxectos artísticos resultado dun longo e intenso proceso de investigación e creación xermolado e construído na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Realizados con motivo da última proba académica a superar, a presentación dos chamados TFG, representa o broche final dunha etapa de aprendizaxes, experimentacións e transformacións, para dar paso a novos camiños. Camiños múltiples, diversos e en constante movemento. Como se dun pequeno ruído visual se tratase, os seguintes pasos a dar tórnanse, emocionantes e inesperados.

Unha selección composta de vinteoito Proxectos Fin de Grao reflicten os intereses e inquietudes de toda unha promoción. Conceptos e temas formulados a través dunha ampla diversidade de formatos, técnicas e procesos creativos. Atopándonos con creacións audiovisuais, esculturas, cerámicas, pinturas, pezas inmersivas, videoxogos, debuxos, fotografías, instalación…



Descubriremos o fascinante universo que unha nova xeración de artistas debuxaron e deron forma para falar da identidade persoal e colectiva da conexión co territorio nunha sociedade en deterioro. Conceptos como a procura do senso creador, a memoria familiar, a memoria histórica e o consumismo como parte da nosa identidade conforman o fío condutor dunha mostra, sempre honesta, sempre reflexiva e transformadora. Un final que alberga novos traxectos.

Artistas: Ainoa Simons , Anxo Rodríguez, Bruno Castro, Candela Eirea Orro Celia Vilariño, Cris Souto, Daniela García Ciaño, Delia Vázquez González Esperanza Valentina, Gloria Liñares Iglesias, Goa Vázquez, Iago Rodríguez Irene Ávila Carreira, Iria González Vidal, Luca Carrero, Luisa Caperán Manuel Alejandro Balsas Navarro, María Tabernero Mateo, María Ángeles Vecino Iglesias, Marta Suárez Pampín, Mencía G. Fana, Montserrat Gay Varela Nerea Santiago García, PacoPez, Samuel Chacón Uría, Taro, Victor Chamorro Rodríguez e Yas de Luaces.

Actividades dinamizadoras da mostra

Entre o 13 de decembro e o 12 de xaneiro terán lugar diferentes actividades dentro da exposición, tales coma visitas guiadas para todos os públicos e un par de obradoiros dirixidos a público adulto (+16 anos). Todas elas son de balde e teñen xa activo o formulario de inscrición en apuntate.pontevedra.gal

  • Visitas guiadas para todos os públicos os domingos 15, 22 e 29 de decembro ás 12h. e os venres 20, 27 de decembro e 10 de xaneiro ás 18.30h.
  • Obradoiros para adultos:
    • Obradoiro Ecoprint, da man da artista Góa Vázquez o 28 de decembro de 18.30 a 20.30h.: Obradoiro adicado a aproximarse á maneira de traballar da artista Góa Vázquez. Técnica “Ecoprint” e estampación botánica. O entintado natural de teas mediante elementos orgánicos. A experimentación de resultados e as súas posibilidades na creación.
    • Obradoiro Garrapateiras, da man da artista Irene Ávila o 9 de xaneiro de 18.30 a 20.30h.: Obradoiro de creación téxtil. Desde a técnica do ganchillo, con ou sen experiencia previa, aproximarnos a tres tipos de puntadas diversas para experimentar a abstracción. Empregando este medio de creación como ferramenta para plasmar recordos ideas e emocións. O fío como condutor da memoria.
Está pasando!