Botan a andar as visitas guiadas e obradoiros para dinamizar a mostra ‘A cidade é a pegada’, pola que xa pasaron preto de 2500 persoas desde a súa inauguración o 15 de decembro
7 Febreiro 2023
- Vacío Cero será a encargada de levar a cabo as visitas guiadas matinais para alumnado de artes, e entidadades sociais e público en xeral os xoves e sábados pola tarde e domingos pola mañá, a disposición a partir de hoxe martes 7 na plataforma apuntate.pontevedra.gal
- Tamén organizarán 4 obradoiros os venres pola tarde, destinados a diferentes públicos e disciplinas artísticas, con inscrición pola mesma canle
- Os escolares de 4 a 11 anos terán á súa disposición 20 quendas de visita, da man da subcomisaria da exposición, Milagros Bará, os martes e xoves ás 10:00 e 12:00 horas, concertadas directamente cos correspondentes centros de ensino de infantil e primaria
A concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Carme Fouces, presentou onte as actividades – visitas guiadas e o obradoiros – que terán lugar nas próximas semanas para dinamizar a exposición ‘A cidade é a pegada’. Comezaba a súa intervención salientando o éxito acadado ata o momento pola mostra, pola que xa pasaron preto de 2500 desde a súa inauguración o 15 de decembro. “Penso que se converteu nun punto de encontró para as persoas que queira coñecer a historia de Pontevedra e recoñecerse en moitas das escenas, lugares e lembranzas que a conforman. Todo é susceptible de mellorar pero penso que esta mostra ten pouca marxe de mellora. Con preto de 2500 persoas, podemos dicir que é a exposición máis visitada das celebradas ata o de agora no Pazo da Cultura. Un equipo de máis de 10 persoas, excelentes profesionais traballou nela con moito agarimo e conta cunha iluminación, contexto etc. moi acorde e un espazo moi cambiado con respecto ao habitual”.
Segundo apuntaba a Fouces, hai algunhas semanas que a mostra conta xa cunha folla de sala moi completa para facilitar o percorrido ás visitas pero “imos un chazo máis alá con visita guiadas regradas (xa que nestas semanas tiveron lugar varias visitas da man dos comisarios a coñecidos, prestadores, etc). Tamén comentou que o catálogo será presentado próximamente e “moi probablemente será empregado como agasallo institucional do Concello”.
A oferta de actividades estará dividida en 3 seccións:
Visitas guiadas a escolares de 4 a 11 anos
De man da subcomisaria da mostra, Milagros Bará, ofertaranse directamente aos centros de ensino de educación infantil e primaria (de 4 a 11 anos) un total de 20 visitas guiadas en horario de 10:00 e 12:00 horas que terán lugar os martes 14, 28 de febreiro e 7 e 14 de marzo, os xoves 16 e 23 de febreiro e 2, 9 e 16 de marzo e o mércores 1 de marzo (en lugar do martes 28 de febreiro, non lectivo por mor do Entroido).
Milagros Bará, apuntou que “estas visitas son moi necesarias porque hai centro vacío de coñecemento dos pequenos/as de Pontevedra sobre a cidade e baseándome en anteriores experiencias direi que o público de estas idades é moi agradecido pero tamén moi esixente. Co guión que teño preparado, teño a intención de facelos pensar e que, ademais de percorrer as 4 salas, fagan descubrimentos, respondan adeviñas. Será unha visita moi interactiva, de preto dunha hora, adaptada ás idades na que pretendo, con pequenos retos, mantelos atentos e alerta. Penso que será moi divertida para a cativada, para min e para o propio profesorado que se quere, poderá seguir traballando sobre a mostra na aula.
Visitas guiadas para colectivos sociais e público en xeral
VacíoCero, a xestora formada por Basilisa Fiestras Cachafeiro, Alexandra Rodríguez Rey e María Gar será a encargada das visitas para público adulto e familiar ás que se poderá acceder mediante reserva na plataforma apuntate.pontevedra.gal e que estarán estruturadas do seguinte xeito: Centradas principalmente en entidades sociais, asociacións, centros socioculturais etc. os xoves 9, 16, 23 de febreiro e 9, 16 e de marzo ás 18:30 horas. Para público xeral e familiar as quendas serán os sábados 11 de febreiro, 4 e 18 de marzo ás 18:30 horas e os domingos 26 de febreiro e 12 de marzo ás 12:00 horas.
Tamén, xa directamente cos propios centros, concertarán en horario matinal algunhas visitas con alumnado de Artes.
Alexandra Rodríguez agradecía aon Concello ter contado con elas para esta labor e apuntaba que este proxecto expositivo é o claro exemplo de que “cando todas as partes implicadas do proxecto queren que saía ben, sae ben. O comisariado, ademáis da excelente labor que fixo ao concebir a exposición estivo sempre disposto a quedar con nós, facilitarnos material, et. É un proxecto expositivo que precisa desta dinamización, xa que abarca un amplo espectro de público visitante. A xente se ve representada na exposición e esta precisa de contacto directo co entorno e a xente”.
Obradoiros para diferentes públicos
Basilisa Fiestras foi a encargada de presentar o apartado dos obradoiros en torno á exposición que “serán 4 e xirarán sobre as 4 temáticas sobre as que está construído o proxecto: a infancia, a natureza (a través do río), arquitectura e personaxes. Estarán destinados a diferentes públicos e tocarán diferentes disciplinas como a escultura/arquitectura, a fotografía, collage, técnicas de estampaxe, etc.”
A inscrición aos talleres estará a disposición do público ao longo do día de mañá, martes 7 de febreiro, en apuntate.pontevedra.gal a excepción dun deles que ao estar destinado a adolescentes con interese artística, será ofertado inicialmente e de xeito directo a alumando de Bacharelato de Artes.
NATUREZA MATERIAL
-natureza-gráfica-estampaxe-arquivo- palabras clave
O transitar, pasear, recorrer aparece na arte contemporánea como práctica artística. Neste obradoiro traballarase sobre e con os materiais recolectados arredor do río Lérez. Partindo da peza botánica que forma parte da mostra, os participantes crearan o seu herbario a partir de técnicas de estampaxe por contacto, ao tempo que percorremos a contorna natural do Pazo da Cultura.
- Público: familiar e infantil
- Nº de participantes: 15
- Data: 24 de febreiro
- Tempo estimado: 3h
IMAXINÁNDONOS
-o rostro-paisaxes corporais-retrato-collage- palabras clave
Baseándonos na importante presenza da infancia no proxecto expositivo, presentamos este obradoiro como unha posta en valor da ollada infantil arredor da súa propia identidade en conversa cos diversos colectivos presentes na exposición. Un obradoiro baseado no retrato fotográfico e na propia intervención da fotografía mediante a pintura o collage, a acumulación de materiais, etc. Co fin de crear o “retrato posible” e coñecer diversas técnicas artísticas.
- Público: infantil
- Nº de participantes: 15
- Data: 3 de marzo
- Tempo estimado: 3h
ARQUIVO EXPANDIDO
-o rostro-paisaxes corporais-retrato-collage- palabras clave
Partindo da importancia do arquivo como memoria e rexistro da identidade dun territorio. Presentamos este obradoiro como unha reflexión arredor do arquivo persoal en conversa coa fotografía documental presente no proxecto expositivo. O arquivo como memoria e o retrato fotográfico como motor. Neste obradoiro ampliaremos o arquivo expositivo realizando retratos “polaroid” en conversa co fondo fotográfico de Pintos como escenario.
- Público: adulto
- Nº de participantes: 15
- Data: 10 de marzo
- Tempo estimado: 3h
A CIDADE POSIBLE (fóra do Apúntate e concertado directamente con Bacharelato Artístico)
-arquitectura-paisaxe-espazos-escultura- palabras clave
Repensar, crear, transformar e imaxinar o espazo. Un obradoiro para aproximarnos á arquitectura da nosa contorna, reflexionar e imaxinar a cidade posible dende a ollada individual. Facela posible, improbable, impensable, imaxinaria…
O obxectivo deste taller é transitar á idea de casa, fogar cidade como lugar de reflexión.
- Público: adolescente (bacharelato artístico)
- Nº de participantes: 15
- Fecha: 17 de marzo
- Tempo estimado: 3h