Catro longametraxes de ficción e dous documentais proxectaranse na programación de cinema da Culturgal 2020

23 Novembro 2020

Títulos de luxo do cinema galego na programación de cinema da Culturgal 2020. Catro longametraxes de ficción e dous documentais proxectaranse no Pazo da Cultura de Pontevedra coa presenza de directoras, produtoras e reparto.

O pase de Ons, de Alfonso Zarauza, será o evento especial da xornada de apertura da Culturgal, o venres 27 de novembro. A illa das mentiras, de Paula Cons,  Arima, de Jaione Camborda, Longa noite, de Eloy Enciso, e os documentais Dorothé na vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío e A media voz, Heidi Hassan e Patricia Pérez Fernández, forman a proposta cinéfila da Culturgal coordinada por AGAPI. Seis títulos con mulleres na dirección, no equipo técnico e no reparto. Ultimísimo cinema galego con grandes historias, territorios con moito carácter -entre os que atopamos dúas illas- e personaxes magnéticos.  En caso de emerxencia, cinema.

O Espazo Cinema é o único exclusivamente presencial na Culturgal 2020, no Salón de Actos do Pazo da Cultura. A capacidade está limitada polas medidas establecidas pola Xunta de Galicia e os convites están dispoñibles para o público a través de cultur.gal


VENRES 27 DE NOVEMBRO APERTURA CULTURGAL 2020: ONS + CHICHARRÓN

19:00 h. Ons. 2020. Director: Alfonso Zarauza. Maruxiña Film Company, Bando à Parte. Intérpretes: Melania Cruz, Antonio Durán ‘Morris’, Xúlio Abonjo , Anaël Snoek, Marta Lado.  Duración: 87 minutos.

O paraiso agreste da illa atlántica de Ons, cuns poucos habitantes dispersos entre o verdor e os acantilados, exerce como un polo magnético na vida dun grupo de persoas. Vicente e Mariña chegan para pasar o verán alí: el ven dun accidente e as súas consecuencias psicolóxicas, e a estadía na illa ten que ser un bálsamo para o matrimonio. A medida que os días van volvéndose borrascosos, segredos gardados empezan a aflorar, e unha muller estranxeira aparece desmaiada na beira do mar. Unha enigmática irrupción que terminará de espallar un influxo innomeable nas súas vidas. Nas palabras do seu director, Ons é unha película “moi enigmática, poderosa e fermosa, tanto a nivel estético, fotográfico, colorista e plástico, como a nivel conceptual, discursivo”. A súa premiere mundial, quince días antes da Culturgal, no Festival de Cine de Sevilla na sección Historias Extraordinarias. Selección Oficial Special Screen.

Coa participación do director e reparto

Antes do pase de Ons, miniconcerto de Chicharrón, a banda autora do tema musical principal de “Ons”. A banda fórmase a principios do 2014 en Carballo. En xuño dese ano editan o seu primeiro álbum “Chicharrón” (Prenom, 2014). Tras unha moi boa acollida deste traballo, en marzo do 2016 editan o seu segundo disco, Postal (Prenom, 2016) no que trocan as guitarras acústicas por eléctricas e o castelán polo galego. En marzo de 2017 editan o single “Contra acantilados” e en setembro “Na cela”. Acaban de anunciar a próxima saida de “Unha fogueira intacta”. Chicharrón son: Alberto Vecino (voz e guitarra),  Mara Pérez (voz), Xurxo Meis (batería), Diego Gende (guitarra), Mar Catarina (teclados) e Rubén Domínguez (baixo).


SÁBADO 28 DE NOVEMBRO

12:00 h. Dorothé na vila. 2020. Dirección: Alejandro Gándara e Olaia Tubío. Duración: 85 minutos.

A musicóloga suíza Dorothé Schubarth chegou a Galicia a finais dos 70 na procura dos cantos antigos que desapareceran no centro de Europa. Desta busca saíron as 300 horas de gravacións que forman o Cancioneiro Popular Galego, a maior compilación de músicas tradicionais do país hoxe en día depositadas no APOI – Museo do Pobo Galego. Corenta anos despois, dúas rapazas inician unha viaxe tralos pasos de Schubarth para atopar as voces que ela recolleu e descubrir as súas historias de vida. Un traxecto no que convive a alegría de volver a cantar e a frustración de chegar tarde para coñecer un mundo que desaparece. Dorothé na vila estreouse a finais de agosto na MICE do Museo do Pobo Galego e tamén formou parte da programación do Play-Doc de Tui.

Coloquio con Alejandro Gándara e Olaia Tubío, creadoras do filme, e Rubén Gasalla, director de fotografía. 

16:00 h. Arima. 2019. Directora: Jaione Camborda. Esnatu Zinema. Intérpretes: Melania Cruz, Nagore Arias, Rosa Puga Dávila, Tito Asorey, Iria Parada, Mabel Rivera. Duración: 77 minutos.

Arima é o que se ve a través da néboa. Arima é  unha película de pantasmas. Nunha vila de verdor e pedra gris, non se sabe se real ou produto dun soño febril, formúlase unha historia protagonizada por catro mulleres e unha nena. A chegada de dous forasteiros desaxusta o seu ecosistema, o medo e o desexo afloran descubrindo unha maraña de ecos do pasado, misterios e xogos de espellos. É o debut na longametraxe dunha das figuras máis prometedoras do Novo Cinema Galego. Entre os recoñecementos, o Premio á Melor Dirección na Sección ‘Las Nuevas Olas‘ do Festival de Cine de Sevilla o ano pasado e o Premio Escáner no Festival Márgenes.

Coloquio con Jaione Camborda.

19:00 h. A illa das mentiras. 2020. Directora: Paula Cons. Agallas Films. Coprodución España-Arxentina-Portugal. Intérpretes: Nerea Barros, Aitor Luna, Darío Grandinetti,Victoria Teijeiro, Ana Oca, María Costas, Milo Taboada, Celso Bugallo, Machi Salgado, Leire Berrocal, Javier Tolosa, Sergio Quintana, Miguel Borines, Roberto Leal, Ana Santos, Mela Casal. Duración: 93 minutos.

A noite do 1 de xaneiro de 1921, preto da illa de Sálvora, na Ría de Arousa, afundíase o vapor Santa Isabel, con 268 personas a bordo que ían a Bos Aires. Faleceron 213 delas no que, naquela época, chamouse o “Titanic galego”.  Nese momento no había homes na illa porque celebraban o ano novo en terra firme. Foron tres mulleres as que salvaron a máis de 50 persoas botándose ao mar nunha pequena barca, desafiando as ondas de seis metros, a espesa néboa e as afiadas rochas, en total escuridade. Eran Cipriana Oujo Maneiro, Josefa Parada e María Fernández Oujo, de 24, 16 e 14 anos respeitivamente. Paula Cons recupera esta historia empaquetada nun thriller que foi seleccionado no Festival Internacional de Cine de Shanghai,  galardoado co Premio Xacobeo no OUFF e que participou na sección “Made in Spain” do último Festival  de Cine de San Sebastián.

Coloquio con Paula Cons.


DOMINGO 29  DE NOVEMBRO

 11:00 h. Pontevedra, cuna de Colón… coa súa cor! Agadic. Duración: 40 minutos.

Documental de 1927 que desenvolve a tese da orixe pontevedresa de Cristóbal Colón, defendida por varios historiadores citados na película. A peza tivo dúas versións, estreadas en 1927 e 1930 respectivamente, e cada unha delas serviu ao pontevedrés Enrique Barreiro, unha das figuras máis importantes do cine galego dos anos vinte e trinta xunto co seu irmán Ramón, como campo de probas nos seus experiementos para dotar de cor a imaxe cinematográfica. Concretamente, a versión de 1927 está realizada empregando un sistema de cor experimental de creación propia: o Cromacolor. O filme que se proxectará no marco de Culturgal é a versión polícroma restaurada por Filmoteca Española, na que se recuperan as cores orixinais deste traballo pioneiro, resultado sorprendente dunha minuciosa, longa e experta labor que culminou este mesmo ano.

Presentan: Jaime Pena, programador do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

13:00 h. Karelu. Compañía Os Náufragos Teatro. Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.

Karelu é unha lectura dramatiza que integra tamén o formato documental. Karelu sitúanos no conflito sobre un feito.O fillo de Martín ten un Karelu no seu brazo dereito, unha marca que deixa a roupa na pel. Unha agresión. Martín recibe a visita do seu irmán, necesita aclarar con el o que pasou, a partir de aí comeza unha viaxe o pasado onde xorden aspectos da súa vida familiar, de cando eran nenos e como foi a educación recibida polos seus pais. Karelu fala da educación na contorna familiar, da violencia e da crise de valores na sociedade actual. Integra unha entrevista con Amino é unha asociación que loita para os nenos/as e adolescentes vítimas de abuso sexual, maltrato físico, maltrato psicolóxico, neglixencia e acoso escolar da comunidade autónoma de Galicia.

Con Santiago Cuquejo, actor, e Gustavo del Río, director.

16:00 h. Longa noite. 2019. Dirección: Eloy Enciso. Filmika Galaika. Intérpretes: Misha Bies Golas, Nuria Lestegás, Celsa Araújo, Verónica Quintela, Manuel Pumares, Suso Meilán. Duración: 90 minutos.

Eloy Enciso, que xa dirixira Arraianos, fala neste filme do comezo desa longa noite que foi o franquismo. As experiencias persoais rachan aquí o discurso oficial a partir da historia dun home que volve á súa vila natal, no rural galego, tras a guerra, nun reencontro cargado co rancor de gañadores e vencidos. Unha película nocturna e sonámbula, que bebe de textos de figuras como Max Aub, Alfonso Sastre, Celso Emilio Ferreiro ou Luis Seoane, e que busca no pasado as claves para un presente en crise. Boccalino D’Oro en Locarno al Mejor Director. Unha proposta na Culturgal do Concello de Pontevedra.

18:30 h. A media voz. 2019. Directoras: Heidi Hassan e Patricia Pérez Fernández.  Matriuska Producións. Coprodución con Cuba, Francia e Suíza. Duración: 80 minutos.

A través da correspondencia audiovisual entre dúas cineastas cubanas radicadas en Galicia e Xenebra, artéllase o diálogo deste documental auto-etnográfico. Dúas mulleres  que afrontando os retos da emigración intentan reconstruirse lonxe de Cuba. Dúas historias nas que identidade, maternidade e creación crúzanse e impúlsanse mutuamente. A media voz chega a Culturgal antes que ás pantallas comerciais, ainda que no último ano xa participou en prestixiosos certames, sendo premiado no IDFA de Amsterdam, recibindo a “Biznaga de Prata” á mellor dirección na sección de documentais do  Festival de Málaga e abrindo a última edición do Play-Doc de Tui.

Coloquio con Dani Froiz, produtor executivo.

Está pasando!