Concerto das Donas

‘Clásicas no Gafos’ é o novo ciclo do Son da Rúa, que continúa coa programación do véran feita polo Concello de Pontevedra

26 Xullo 2021

O Concello de Pontevedra continúa a ofrecer un verán con alternativas musicais, lúdicas e de ocio dentro do programa ‘O Son da Rúa’, todas elas perfectamente compaxinadas coa prevención Covid. No ciclo ‘Clásicas no Gafos’, as melodías encherán un entorno diferente, en contacto coa natureza, mais preto do centro da Boa Vila.

Coa música clásica como protagonista, haberá catro xornadas consecutivas, todas elas cunha proposta diferente na súa execución. Os concertos celebraranse ás 21:00 horas, no Paseo dos Gafos, entre o 26 e o 29 de xullo, cunha actuación por día.

Luns 26 de xullo

Aida Saco – A formidable pianista, concertista e compositora, Aida Saco, orixinaria de Rianxo, chega a Pontevedra logo de gañar o primeiro premio, categoria F, do European Piano Competition «Salentinae Terrae» e o premio especial do xurado, o pasado mes de abril. Suma este recoñecemento ao segundo premio na décima edición do concurso Internacional “Città di Massa” e o terceiro premio no XII Prémio Nacional/II Prémio Luso/Galaico «Elisa de Sousa Pedroso.

Martes 27 de xullo

Germán Díaz & Benxamín Otero: 13 Cancións Bonitas – Benxamín Otero e Xermán Díaz, propoñen unha escolma de cancións co simple fío argumental de seren, para as súas orellas, bonitas… Entran nesa escolla compositores como Schubert, Satie, Galliano ou Clastrier, cancioneiros como o de Inzenga ou de Federico Olmeda, amais de melodías de seu, conformando un corpus ecléctico e accidental.

Mércores 28 de xullo

Concerto das Donas – Conxunto instrumental de nova creación, liderado pola violinista María José Pámpano, que toma o seu nome do grupo de intérpretes femininas activo a finais do Renacemento na cidade italiana de Ferrara e coñecido como “Concerto delle donne”, un grupo de mulleres destacadas polo seu virtuosismo técnico e artístico, que traballaban baixo os auspicios do duque de Ferrara. Entre os obxectivos desta formación musical está o da visibilización da pegada feminina na historia da música, a cotío silenciada. A Agrupación presenta unha singular proposta que trata de afondar na obra instrumental de compositoras do Barroco como Isabella Leonarda ou Élisabeth Jacquet de La Guerre

Xoves 29 de xullo

Pedro Lamas, Jacobo de Miguel e Xosé Lois Romero: Azougue – Detrás de Azougue está o primeiro título discográfico no que conflúen os talentos musicais de Pedro Lamas (saxos, dulzaina, acordeón, gaita e percusions), Jacobo de Miguel (piano) e Xosé Lois Romero (percusións tradicionais), un traballo agora reflictido ao vivo, de enorme interese e sensibilidade.


Está pasando!