Continúa aberta ao público a exposición ‘Adentros. Manolo Araúxo’ no Palacete das Mendoza de Pontevedra

28 Novembro 2022

Manolo Araúxo nace en Pontevedra o 3 de abril de 1969. Desde 1998 traballa de veterinario clínico de animais de produción na Pobra de Trives (Ourense).

Xa neno, amosa interese pola pintura.

De formación autodidacta, decántase pola corrente figurativa. De aí, segue un vieiro que o leva ao hiperrealismo,

No 2011 albisca que se acha nunha encrucillada vital. Sentíndose chamado, bótase verdadeira, seria e sinceramente á pintura, á que lle pasa a dedicar canto tempo lle ceiba o seu traballo.

En tal ano comeza a se formar na técnica de pastel en seco sobre papel. Pasados cinco, no 2016, realiza a súa primeira exposición no espazo O Forno (Bueu, Pontevedra).

Após eses días, traballa co óleo sobre lenzo.

O motivo das súas obras son retratos daqueles polos que sente un vínculo afectivo (ou, doutro xeito: persoas das que coñece e aprecia as almas, aspirando a facelas visíbeis), así como bodegóns que involucran obxectos cotiás cos que comparte casa.



Proxectando as obras, o seu método é tan simple coma necesario: desenvolve varias sesións coa cámara até abranguer aquela fotografía que entre todas procura e que na testa xa lle existe, da que só falta que o obxectivo se prenda nela. Por fin, pinta.

Acontece decotío, entrando no obradoiro de Manolo, que tanto o atopas sobre os cadros coma os cadros sobre el. Cordura, loucura, vixilia e soño, ou quen está onde, son cuestións que logo agroman mais que convén deixar pasar, pois un pódese perder buscando a resposta.

A consecuencia do anterior, a un cadro rematado non lle fai un marco, tal e como entendemos este na súa acepción usual. Aquela que emprega Manolo é a que leva esa verba a significar raia, fronteira, confín. O marco vén así reflectir o acordo das dúas partes en separar os dous mundos que viviron, permearon, durante meses. O marco éa fin dunha obsesión. A proba da curación.

Unha sublimación da soidade talvez lle confira o poder de dar vida. Certo ou non, convén, antes dunha idea para comentar a exposición, ter pronta na boca unha resposta, pois existe a eventualidade de ser interpelado por uns ollos demasiado vivos, descarados. Só a verdade podería ser máis atrevida ca esas pinceladas.

(tomo a licenza de evocar a verdade, pero entre adultos sabemos que verdade non existe)

Xacobe Casas



Aberta ao público do 18 de novembro ao 11 de decembro de 2022 na sala de exposición do Palacete das Mendoza (Praza de Santa María. s/n – Pontevedra).

Horario:

  • De luns a venres de 09:00 a 20:00 horas
  • Sábados e festivos, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas
  • Domingos de 10:00 a 14:00 horas
Está pasando!