Domingos do Principal, Matinés, Voices, Culturgal, Guerrilla… a oferta cultural de Pontevedra de setembro a decembro

13 Xullo 2022

  • A concelleira de Cultura, Carmen Fouces presentou o avance da programación do Pazo da Cultura e do Teatro Principal no último cuatrimestre do ano
  • Nestas datas acomódase Domingos do Principal e volve Ponteatro, Matinés, Voices, os premios Martín Códax… e trasládanse as Núbebes para o primeiro trimestre de 2023
  • A concelleira explicou que o Teatro Principal estará practicable a partir do mes de setembro. Disporá dun novo cuarto de baño, e continuarase coa relicitación do ascensor panorámico 

A Concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra presentou un avance da programación prevista para o último cuatrimestre do ano (setembro – decembro) no Teatro Principal e no Pazo da Cultura.

Música, congresos, teatro, premios… serán algunhas das propostas da cidade despois da Feira Franca e que se poderán consultar nuns días no Telescopio da Cultura. Carmen Fouces, concelleira de Cultura, logo de colgar un dos carteis da programación na fachada do Teatro Principal, indicou que “é un elenco de actividades culturais magníficas” e agarda que “sexa do gusto de todo o mundo”.

A concelleira explicou que foi preciso realizar un reaxuste na programación por mor das obras do Teatro Principal, por iso no último cuatrimestre estarán os Domingos do Principal, que sempre se celebraban no primeiro semestre do ano. Xunto a el, tamén volve Ponteatro “con obras seleccionadas do mellorciño”, Matinés, Voices, Guerrilla, Jazz no Principal, Cineclub, Culturgal, os premios Martín Códax ou Amal en ruta, coa que arranca a programación a partir do 15 de setembro.

Dentro do reaxuste está desprazar para o primeiro trimestre de 2023 a nova edición de Núbebes “porque precisamos bastante espazo e non queríamos facelo tan comprimido”, explicou Carmen Fouces.

A concelleira tamén aclarou que está previsto que as obras do Teatro Principal estean rematadas para o mes de setembro. Logo da suspensión de pagos da empresa adxudicataria da construcción dos novos baños e do ascensor que conecte as dúas plantas do Teatro, acordouse executar por vía de urxencia o acondicionamento dun cuarto de baño que faga operativo o Teatro, e realizar unha segunda vía de traballo consistente na licitación do resto da obra pendente: o outro cuarto de baño e o ascensor, un procedemento que cumprirá os tempos administrativos convencionais e cuxas obras non afectarán ao normal funcionamento do Teatro, polo que non será preciso -a priori- volver a pechalo.

Carmen Fouces tamén adiantou que esta actuación no Teatro é a primeira doutras que o Concello ten en mente aproveitando os fondos europeos e que permitirán cambiar a fisonomía interior da infraestrutura cultural máis empregada da cidade.


Está pasando!