Cartel da primeira edición do ‘espavila!’ | © Concello de Vilagarcía de Arousa

‘espavila!’, o espazo de promoción e innovación dos sectores tradicionais de Vilagarcía dedica a súa primeira edición ao mundo da flor

21 Maio 2021

A organización de mostras e eventos para potenciar os diferentes sectores produtivos é unha das accións incluídas no eixo ‘Vilagarcía Viva’ do Plan de Recuperación Económica.

A concelleira de Promoción Económica, Alba Briones explicou que para englobar baixo unha mesma denominación todos os eventos a celebrar, así como os obxectivos dos mesmos, optouse pola marca ‘espavila!’, que combina o termo “espazos” para o encontro e para a dinamización, e o nome de Vilagarcía, e que xoga co significado do verbo espabilar, en canto ás súas acepcións de “avivar e exercitar o entendemento e o enxeño de alguén” e de “sacudirse o sono ou a pereza” nas que semella que nos deixou un pouco sumidos esta pandemia. “É un chamamento, unha invitación á acción, a reactivarnos para sacar o mellor proveito aos recursos que temos, e para iso temos que coñecelos e ver que novas posibilidades se nos presentan”, apuntou a edil.

O ‘espavila!’ abordará diferentes sectores tradicionais polo que, a elección da flor para esta primeira edición, adoptouse polo que simboliza: ese reverdecer ou florecer, esa explosión de cor e a alegría que precisamos para reactivarnos e seguir medrando como cidade.


Alba Briones e Diego García | © Concello de Vilagarcía de Arousa

Completo programa en catro espazos diferentes

A flor, entendida na súa maior extensión (cultivo, ornamentación, arte floral, paisaxismo, gastronomía, cosmética..) é o obxectivo desta primeira edición do ‘espavila!’ que terá lugar o sábado 29 e o domingo 30 de maio.

O evento contará con catro espazos distintos cada un dos cales acollerá un tipo diferente de actividades relacionadas coa flor. A Praza da Peixería albregará unha exposición de bonsais e orquídeas así como a celebración de obradoiros relacionados co cultivo e o coidado destas especies e coa artesanía floral.

O Salón García acollerá as actividades técnicas deste evento, é dicir as mesas e conferencias nas que intervirán expertos en distintos campos relacionados co mundo da flor, o paisaxismo, o urbanismo verde, as iniciativas empresariais máis innovadoras postas en marcha tomando como punto de partida a flor, ben como recurso, ben como materia prima, e mesmo as axudas públicas existentes para a posta en marcha de cultivos en zonas rurais.

Como exemplo da innovación e das novas posibilidades no uso da flor, a Praza do Castro destinarase á gastronomía, un espazo elixido como chisco ao sector hostaleiro tan afectado pola crise sanitaria e que, a través destas actividades, pode captar novas ideas. Así, nesta zona desenvolveranse os showcookings e obradoiros a impartir por chefs de prestixio galego e incluso de forra de Galicia, que afondarán de xeito práctico na aplicación culinaria da flor.

O cuarto e último espazo, dedicado ao público máis novo, será a Praza da II República, onde co patrocinio da firma Gadisa, se desenvolverán durante a fin de semana e de forma continuada obradoiros de hortos urbanos. Serán actividades para rapazada de 5 a 12 anos adaptadas ás idades en cuestión e de curta duración, uns 30 minutos.

A maiores da propia dinamización de rúas que suporá a realización destas actividades en estes espazos de Vilagarcía, o Concello tamén contribuirá a crear ambiente coa decoración dalgunhas zonas moi concretas nas que a flor e os elementos vexetais ganarán maior presenza grazas ás intervencións que realizará o persoal do servizo municipal de Xardíns.

Consulta o programa completo aquí.

Está pasando!