Esta fin de semana a Deputación de Pontevedra celebra o Día Mundial do Teatro con dúas funcións nas rúas de Pontevedra e Vigo

24 Marzo 2021

O vindeiro 27 de marzo conmemórase o Día Mundial do Teatro, efeméride que desde a Deputación de Pontevedra festexan nos últimos anos co obxectivo de sumárense ao seu colectivo profesional e darlle visibilidade a este sector que tanto precisa da proximidade do público.

O teatro é un encontro marabilloso e único entre actrices e actores e un público espectador que é testemuña e parte implicada dunha historia, dunha experiencia na que o escenario non se entende sen as butacas e viceversa.

Esta tempada se algo precisa o teatro é respirar, inspirar, nos dous sentidos da palabra: para encher os pulmóns de enerxía e para deixar traballar á imaxinación e á creatividade e centrar a atención neste sector cultural, porque o confinamento obrigado ao que se someteu a cultura, coma outros moitos sectores, afectou de cheo este mundo en concreto, no que as butacas tiveron que deixar de ocuparse, as portas permaneceron pechadas e os panos demasiado tempo baixados.

Chegou o momento de saír á rúa, de coller aire e de reencontrarse co público, de abrir as portas, de ir sumando butacas con distancia e, sobre todo, de erguer a mirada cara diante para gozar do espectáculo cando se levante o pano.

As funcións poderanse seguir en directo por streaming a través da web depo.gal

A Deputación de Pontevedra festexará o Día do Teatro cunha dobre función:

  • Venres 26 de marzo, na escalinata do Pazo provincial da Deputación en Pontevedra, ás 18:00 h, Muiñada de Galeatro.

Como adobío e elemento de conmemoración do Día do Teatro, colocarase diante da fachada do Pazo unha estrutura cun pano aberto, que enmarcará, de xeito cómplice, o fondo da escena nas accións.

Sacarase o teatro á rúa, abriranse as cortinas da Deputación para que a maior cantidade posible de público poida asistir a festexalo con nós, de xeito presencial e por streaming.

Se por motivos climatolóxicos non se puidese realizar no exterior trasladarase ao interior do Pazo provincial, no salón de plenos.

foto

Muiñada de Galeatro | Teatro | Para público infantil e familiar (+3 anos) | Duración: 50 min.

SINOPSE

Sabela e Xacobe encóntranse nun muíño de auga por un malentendido coas quendas. Ao veren que os dous non poden moer ao mesmo tempo comeza unha discusión na que o xogo, as lendas, a tradición e a música farán que as cativas e cativos e as e os que non o son tanto se acheguen a un edificio que foi fundamental para a historia de Galicia. Muiñada é unha viaxe ao pasado para as nenas e nenos de hoxe que serve para coñecer de onde vimos e para non deixar morrer a memoria das nosas avoas e avós. Muiñada é tradición, é festa, é música e, sobre todo, teatro para toda a familia.

FICHA ARTÍSTICA

Dirección: Davide González

Texto: Ana Carreira

Intérpretes: Alba Bermúdez e Tone Martínez


  • Sábado 27 de marzo (prazas esgotadas), no exterior da sede da Deputación en Vigo, ás 12:00 h, A tropa do doutor Milagre de Inventi Teatro.

Se o tempo non acompaña trasladarase ao interior da sede, na Sala Rosalía de Castro.

Debido ás restricións para facer fronte á pandemia ocasionada pola COVID-19, a capacidade será limitada, polo que será preciso reservar asento previamente no correo electrónico: participa.cultura@depo.gal (máximo catro reservas por persoa).

foto

A tropa do doutor Milagre. Inventi Teatro | Teatro de rúa | Para todos os públicos | Duración: 45 min.

SINOPSE

Un explosivo espectáculo de teatro de rúa onde maiores e pequenas e pequenos poderán probar de primeira man os efectivos produtos do doutor Milagre. Non ten pelo? Alopecia? Séntese débil e decaído? Sen apetito… de ningún tipo? Probe os produtos do doutor Milagre: espumosos xampús, elixires fertilizantes ou inxeccións máxicas… Proximamente a súa vila encherase de diversión e alegría coa chegada do expreso do doutor Milagre. Agoniado polas débedas e impulsado por unha necesidade imperiosa de facer fortuna, este atolado médico inventor toma unha arriscada decisión: facerse cun autobús abandonado para convertelo nun auténtico espectáculo de venda ambulante. Para esta aventura estará acompañado do seu fiel axudante, o pequeno Miñoca, e da exuberante Madame Bobarí. Música, improvisación, xogo, baile, diversión, comedia, maxia e moito máis nesta delirante función de rúa.

FICHA ARTÍSTICA

Dirección e dramaturxia: Inventi Teatro

Intérpretes: Bea Campos, Marcos Alonso e Paulo Medal

Escenografía: Sr. Sagüillo

Vestiario: Ali Otero

Está pasando!