'Sós' de Malasombra Producións en Meis

dom27nov18:00dom23:50'Sós' de Malasombra Producións en Meis'tornar ás taboas'18:00 - 23:50 Concello de Meis - Meis

Detalles do Evento

Dentro do programa ‘Tornar ás táboas’, organizado pola Deputación de Pontevedra, o domingo 27 de novembro, o Auditorio do Centro Multiúsos de O Mosteiro acollerá o espectáculo ‘Sós’, de Malasombra Producións.

‘Sós’ é unha reflexión, por veces cómica e por veces máis dramática, sobre a vellez, sobre a convivencia, e sobre a soidade que sofren moitas persoas maiores nos seus últimos anos de vida.

‘Sós’ conta a historia de Rodrigo e Marcelino, dous homes octoxenarios que se ven obrigados polas circunstancias a compartir piso.

Os dous anciáns non se coñecen previamente, os dous teñen un carácter totalmente diferente, levaron vidas diferentes e teñen costumes e hábitos absolutamente diferentes, polo que a súa convivencia non vai ser fácil, aínda que non lles vai quedar máis remedio que aprender a tolerarse, porque a pesar de que hai moitas cousas que os separan, teñen algo moi importante que os une: os dous están sos e necesítanse mutuamente para saír adiante.

Rodrigo e Marcelino representan dous modelos de vida distintos, case opostos, que facilmente podemos recoñecer no noso entorno.

Marcelino representa ao home máis tradicional, dos que tiveron un só traballo durante toda a vida, e unha muller tamén para toda a vida.

Rodrigo, pola contra, representa un home máis de ‘mundo’. Emigrou ao estranxeiro, nunca se casou e a súa vida nunca tivo estabilidade, en contraste coa vida de Marcelino, no que a estabilidade foi o seu ben máis abundante.

Todos coñecemos a algún ‘Marcelino’ e a algún ‘Rodrigo’. Dúas maneiras de ser e de vivir que chocan nun mesmo apartamento compartido. Dúas personalidades opostas, pero cunha necesidade en común: a necesidade humana de sentirse acompañado.



‘TORNAS ÁS TABOAS’

‘Tornar ás táboas’ nacía en 2021 como algo máis que unha programación cultural, como unha declaración de vontade e ánimo para que o teatro retome a súa actividade nos escenarios de auditorios, teatros e centros culturais da provincia; era unha chamada á volta ao lugar de orixe e ao traballo, aos espazos de lecer e emoción, un cambio de dirección e mentalidade tras esta longa temporada de incerteza, dentro desa guía de aviventar a cultura que encabeza todas as propostas este ano, cunha firme intención no seu propio significado de coidado e protección de todo o que vaia acontecer no seu interior.

Este 2022 o programa crece e amplía o seu orzamento, aumenta funcións e consolida a súa aposta por apoiar as nosas compañías, garantindo o acceso á programación cultural en cada recuncho da provincia. Pretendemos que o noso territorio goce do teatro e reactive os seus auditorios e salas, que despois do baleiro provocado pola pandemia están a vivir un retorno dos sorrisos, das emocións e do goce coa cultura.

Para iso ofrecemos e abrimos este programa a todos os concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes e contamos coas compañías profesionais da provincia para ofertar o mellor teatro en todo o territorio.

Así, esta segunda edición de ‘Tornar ás táboas’ levará 47 espectáculos á escena este outono, para desenvolver o seu calendario entre o 23 de setembro, e comezar con Malasombra en Rodeiro e pechar a temporada o 18 de decembro en Caldas de Reis con Tanxarina Títeres, ademais de integrar no percorrido unha función moi especial para a rapazada do Centro Príncipe Felipe o 29 de setembro, con Xarope Tulú.


Hora

(Domingo) 18:00 - 23:50

Localización

Concello de Meis

Está pasando!