Manu Lourenzo, Rosana Martínez Boullosa e Rosana Comesana presentando ‘A Orghullosa’ | Concello de Soutomaior

Soutomaior presenta a súa ‘Orghullosa’, a 2ª festa das identidades diversas e disidentes

12 Xuño 2025

  • O día 28 de xuño Soutomaior celebrará o día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ coa súa festa, ‘A Orghullosa’.
  • Unha cita que contará con moitas actividades, todas elas de balde, e na Carballeira do Peirao, entre as que destacan unha andaina, obradoiros e os concertos de Meiga-I e de The Tetas´Van.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a concelleira de Igualdade e de Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa e a concelleira de Promoción Económica, Hostalería e Comercio, Rosana Comesaña, presentaron nesta xornada a ‘Orghullosa’, a 2ª Festa das identidades diversas e disidentes que conmemora o día internacional do orgullo LGBTBIQ+.

Unha festa que terá o seu día central o 28 de xuño baixo o paraugas do programa ‘Soutomaior Inclusivo’, de tal xeito haberá cascos anti-ruído. Unha festa que estará adaptada para que todas as persoas que queiran, sen importar a súa condición, poidan desfrutar de todas as actividades.

Unha festa que dalgún xeito dará mañá o seu pistoletazo de saída co reparto a cargo de ‘Juan de Arcade’ da programación desta festa e de xeados diversos para o comercio e hostalería do concello. Unha iniciativa á que se adheriron 55 establecementos.

Para continuar con esta celebración, un ano máis, lánzase a iniciativa ‘Fiestras Orghullosas’, de tal maneira que o concello pon a disposición de todas as persoas empadroadas interesadas unha bandeira para decorar as súas fiestras e balcóns como visibilización do orgullo LGTBIQ+. As inscricións para poder recoller dita bandeira serán en liña do 17 ao 23 de xuño.

A programación continúa o 26 de xuño con ‘Eira de Actualidade’ (trátase dun espazo de divulgación, debate e opinión sobre temas de actualidade) no que estará Cristina Palacios, xerente e traballadora social de ARELAS (asociación de familias de infancia e mocidade trans de Galicia) que ofrecerá, ás 20:30 horas. no Multiúsos, a súa charla ‘Diversidade afectivo e sexual. Coñecer para acompañar’. A entrada será de balde ata completa o aforo.

O día grande será o propio día do orgullo, o sábado 28, todas as actividades que se desenvolverán nesta xornada son de balde, para os obradoiros e para a andaina a inscrición estará aberta en soutomaior.gal dende o 17 ata o 23 de xuño.

O sábado 28 a actividade comezarán ben cedo cunha andaina reivindicativa polos dereitos LGTBIQ+ que terá como punto de partida a Carballeira do Peirao de Arcade. Unha andaina que sairá do Peirao de Arcade, seguirá pola Illa de Medal, continuará polas Salinas do Ulló para rematar de novo no punto de inicio.

Ás 11:00 horas dará comezo na Carballeira, ‘EmocionARTE’. Proxecto de expresión emocional a través da arte. Un obradoiro vivencial e creativo onde a través do xogo, a expresión artística, e o benestar emocional, exploramos e celebramos a diversidade, reforzamos a nosa autoestima e aprendemos a poñer límites, nun espazo seguro e divertido.

A mesma hora tamén dará comezo ‘Bordando Bandeiras, Celebrando Identidades’. Un obradoiro para celebrar a diversidade e a identidade a través do bordado, transformando símbolos e palabras como xeito de manifestación artística e reivindicativa.

Ás 13:15 horas terá lugar a lectura do pregón a cargo de ‘Juan de Arcade’ e a continuación, ás 13:30 horas comezará a sesión vermú a cargo do grupo Toma de Terra, un conxunto de artistas disidentes que pretende achegarse á música tradicional dun xeito alternativo baseándose na improvisación, poñendo voz a aquelas loitas que non se escoitan e primando sempre a música para o baile. Trala sesión vermú chegará o Mari Pícnic onde todo o que o desexe traerá a súa comida e o seu instrumento e, o máis importante, ganas de compartir.

Xa pola tarde ás 17:00 horas comezará o obradoiro ‘Luceo teu Orgullo’ onde soamente se precisa traer unha prenda que vos encante (chaqueta, camiseta, bolsa,….) e onde se bordarán prendas de roupa para personaliza e crear pezas únicas representativas da comunidade LGTBI+.

Ás 18:00 horas chegará a ‘Diversidade Conta!’, contos transformadores para a valoración da diversidade e o bo trato. Un obradoiro lúdico e creativo para crianzas, onde a lectura, o xogo e a arte axudarán a reforzar a súa autoestima, valorar a diversidade e comprender a importancia das relacións baseadas no bo trato e na amizade.

Ás 20:15 horas terá lugar o obradoiro ‘De Orghullo de Danza’ para bailar en liberdade, para este obradoiro non se precisa inscrición previa, soamente gañas de pasalo ben.

Xa pola noite chegarán os pratos fortes desta ‘Orghullosa’ co directo de Meiga-I ás 21:30 horas e o de The Tetas´Van que dará comezo ás 22:30 horas. Ambos concertos terán, como o resto das actividades, entrada libre e serán tamén na Carballeira do Peirao.

Dende o concello convidan a todas as persoas a desfrutar desta Festa en igualdade e respecto.

Está pasando!