Concerto de Rick Estrin & the Nightcats en Pontevedra

mér07ago22:30Concerto de Rick Estrin & the Nightcats en Pontevedra30º FESTIVAL INTERNACIONAL DE JAZZ E BLUES DE PONTEVEDRA22:30 Praza da Ferraría - Pontevedra

Detalles do Evento

O grupo estadounidense Rick Estrin & the Nightcats subirá ao escenario da Ferraría o mércores 7 de agosto, dentro da 30ª edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra.

Rick Estrin & the Nightcats é unha banda de blues eléctrico formada en 2008, composta polo seu líder Rick Estrin (voz e harmónica), o guitarrista Kid Andersen, o baixista Lorenzo Farrell e o batería Derrick “D’Mar” Martin.

Rick Estrin é cantante, compositor e harmonicista. Naceu en San Francisco en 1949. A súa paixón polo blues naceu cando con doce anos a súa irmá lle regalou o disco The Genius Sings The Blues de Ray Charles. Sendo adolescente, mergullouse na cultura urbana afroamericana que o rodeaba. Conseguiu a súa primeira harmónica aos quince anos e, aos dezaoito, xa era o suficientemente competente como para empezar a tocar en clubs de música negra da cidade.

Aos dezanove anos, mudouse a Chicago para traballar con algúns dos mellores bluesmen da cidade, entre eles, o lendario Muddy Waters. Despois regresou á área da Baía, onde coñeceu ao guitarrista Charlie Baty e fundou con el Little Charlie & The Nightcats. Cando Charlie se retirou das xiras en 2008, Rick contratou ao virtuoso da guitarra Kid Andersen e formou Rick Estrin & The Nightcats, con Lorenzo Farrell (teclados) e Derrick “D´Mar” Martin (batería).



Estrin cita a Sonny Boy Williamson II, Percy Mayfield, Little Walter Jacobs e o bluesman de Detroit Baby Boy Warren como as súas principais influencias no apartado da composición. A súa maneira de tocar a harmónica está profundamente arraigada na tradición dos mestres deste instrumento, pero ao mesmo tempo persegue con afán a renovación desa tradición coas súas cancións innovadoras. Ademais, a súa voz próxima e conmovedora resulta ser o complemento perfecto para levar as súas composicións ao escenario.

En 2013 a banda lanzou ao mercado You Asked For It… Live!, un disco gravado en directo que lles granxeou o aplauso unánime de crítica e público e que supuxo para Estrin a candidatura e o premio ao mellor instrumentista de harmónica dese ano na gala dos Blues Music Awards.

O seu álbum Groovin’ in Greaseland, lanzado en Alligator Records en 2017, supúxolles nesa edición dos Blues Music Awards o premio á mellor “Banda do Ano”, xunto co da mellor “Canción do Ano” por “The Blues Ain’t Going Nowhere”. Ademais, Rick Estrin alzouse co galardón ao mellor “Artista Masculino de Blues”.

Desde os seus inicios, a banda tocou en todo o mundo, incluído o Notodden Blues Festival en Noruega, o Lucerne Blues Festival en Suíza, o Caxias de Soul Festival en Brasil, o Monaghan Blues Festival en Irlanda, o Efes Pilsen Festival en Turquía e o Festival Moulin Blues en Holanda. En Estados Unidos tocaron no North Atlantic Blues Festival, o Magic City Blues Festival e o Bayfront Blues Festival. Estrin actuou no Chicago Blues Festival en 2011 como parte do concerto do 40 aniversario de Alligator Records. A banda tamén actuou no Chicago Blues Festival en 2017.



FESTIVAL INTERNACIONAL DE JAZZ E BLUES DE PONTEVEDRA

Trinta anos cumpre este 2024 o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. Tres décadas onde a Boa Vila foi testemuña do paso dalgúns dos artistas máis importantes destes dous xéneros, con exemplos lendarios coma Johnny Winter, John Scofield, Robert Cry, Esperanza Spalding, Taj Mahal, Derek Trucks, Cory Henry ou Gregory Porter.

Praza da Ferraría continuará este verán sendo epicentro desta onda sonora, a través de seis novas actuacións con Iago Banet (5 de agosto), Antilia (5 de agosto), Sempasúchil (6 de agosto), Rick Estrin & The Nightcats (7 de agosto), Jeff Cascaro (8 de agosto) e Richard Bona & Alfredo Rodríguez Trío (9 de agosto).

Coma sempre, a entrada será libre e de balde.


Hora

(Mércores) 22:30

Localización

Praza da Ferraría

Praza da Ferraría, Pontevedra

Está pasando!