Virxinia Pereira e Alfonso Daniel R. Castelao | Museo de Pontevedra

“Contrapuntos”, música e memoria no Museo de Pontevedra

xov08mai19:00“Contrapuntos”, música e memoria no Museo de PontevedraHomenaxe a Castelao e Virxinia Pereira19:00 Edificio Castelao. Museo de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Deputación de Pontevedra celebra o xoves 8 de maio a terceira edición de “Contrapuntos”, o programa de música e memoria do exilio de 1939. Nesta ocasión estará dedicada ao matrimonio Alfonso Daniel R. Castelao e Virxinia Pereira.

A cita, que terá lugar ás 19:00 horas no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, incluirá unha conversa con Noni Araújo e Pepe Coira, moderada por Beatriz Fontán, e un concerto da violinista Sara Areal, acompañada polo guitarrista Samuel Diz.

En anteriores edicións, este programa, comisariado por Beatriz Fontán e Samuel Diz, homenaxeou o compositor Salvador Bacarisse e a escritora María Teresa León, e, a actual, sitúase no marco do 75 aniversario do pasamento de Castelao en Bos Aires.

Desde o seu matrimonio en 1912, Daniel Castelao e Virxinia Pereira compartiron confidencias, loitas e esperanzas, viviron os avances sociais da Segunda República, sufriron a represión do franquismo e exiliáronse na Arxentina, onde traballaron conxuntamente na construción dunha Galicia asentada en valores e identidade cultural.



A conversa entre o guionista e produtor Pepe Coira e a profesora Noni Araújo abordará a memoria como fonte de creación artística, en paralelo á importancia dos testemuños orais na reconstrución histórica.

Noni Araújo é unha lembranza viva do compromiso e perseveranza de Virxinia Pereira na preservación do legado de Castelao no Museo de Pontevedra, mentres que Pepe Coira achegouse recentemente á memoria do matrimonio na creación do guión da película ‘Antes de nós’ (Ángeles Huerta, 2025), de próxima estrea. A moderadora será Beatriz Fontán, xestora cultural en proxectos do exilio de 1939.

A continuación, a violinista Sara Areal, integrante da Orquestra Sinfónica de Galicia, fará unha homenaxe musical ao citado matrimonio cun programa que percorre as constelacións vitais e cardinais de Castelao e Pereira, xunto co guitarrista Samuel Diz, intérprete e investigador do legado musical do exilio republicano de 1939.

O virtuosismo de ‘Emigrantes celtas’ de Manuel Quiroga abre unha travesía musical transatlántica que nos achega á Arxentina de Astor Piazzolla ou á recuperación de páxinas inéditas da compositora Diana Pey escritas durante o seu exilio no cono sur.

O programa “Contrapuntos” do Museo de Pontevedra ilumina as sombras das xenealoxías contemporáneas e presenta olladas complementarias e interdisciplinarias, historias privadas e universais, reconstruídas desde a intimidade e a investigación para contribuír á divulgación dunha parte esencial da nosa identidade.

Hora

(Xoves) 19:00

Localización

Edificio Castelao. Museo de Pontevedra

Rúa Padre Amoedo Carballo, 3. 36002 Pontevedra

Está pasando!