Cursos da Aula CeMIT de Poio en xaneiro

xov02xanConsultarven31xanCursos da Aula CeMIT de Poio en xaneiroCentros para a modernización e Inclusión Tecnolóxica(Consultar) Aula Cemit de Poio - Poio

Detalles do Evento

A Aula Cemit de Poio organiza para o mes de xaneiro sete cursos novos de habilidades dixitais coas que continuar ampliando a súa oferta formativa, e que van desde informática e internet nivel de iniciación, follas de cálculo niveis iniciación e medio, enderezo electrónico, videoconferencias ou deseño de carteis.

Todas as actividades son gratuítas, e as inscricións para participar xa están abertas a través da páxina web cemit.xunta.gal, no correo [email protected] ou na propia aula situada en Combarro.

Ademais, calquera usuario que o desexe pode facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula a través da Aula Aberta, sempre con cita previa e en horario de luns a venres, entre as 19.30 e as 21.00 horas. As asociacións e colectivos locais teñen tamén a opción de poder reservar a utilización dos ordenadores para a realización de actividades.

Con respecto ao curso de iniciación á informática, desenvolverase do luns 13 ao venres 17, de 16.30 a 18.00 horas e o alumando adquirirá os coñecementos básicos para manexar o ordenador, desde acender e apagar o equipo, ata o uso do rato, familiarización co entorno gráfico e uso de arquivos e carpetas.

A próxima semana tamén se impartirá o curso de iniciación ás Follas de Cálculo con LibreOffice Calc, de 18.00 a 19.30 horas. As follas de cálculo son, xunto co procesador de texto, unha das aplicacións máis empregadas, xa que se poden crear documentos que realizan cálculos de xeito automático e permiten a súa impresión, polo que son moi utilizadas na contabilidade, facturación e almacén, sendo unha ferramenta indispensable para o traballo de oficina. Ademais, tamén está programado un curso de follas de cálculo nivel medio para a semana do 20 ao 24 de xaneiro, tamén en horario de 18.00 a 19.30 horas.

Iniciación a Internet impartirase tamén do luns 20 ao venres 24 de xaneiro, neste caso entre as 16.30 e as 18.00 horas. Ao finalizar o curso, o usuario poderá utilizar aplicacións e ferramentas fundamentais relacionadas coa rede, desde realizar procuras sinxelas nun buscador ou seguir as ligazóns para navegar polas páxinas web, entre outros.

A última semana de xaneiro, entre o 27 e o 30, celebrarase o curso Iniciación ao Correo Electrónico Web, unha ferramenta indispensable para comunicarse e enviar arquivos e información de todo tipo. Será de 16.30 a 18.00 horas.

Deseño de carteis e folletos organizarase do 27 ao 4 de febreiro, excepto o venres 31, entre as 18.00 e as 19.30 horas. As persoas participantes aprenderán a utilizar canva e outros programas similares que permiten crear online deseños de cartelería, tarxetas ou outros deseños artísticos.

Por último, Videoconferencias Online impartirase o venres 31, de 16.30 a 18.00 horas. Tanto as redes sociais como outros servizos, correo electrónico, mensaxería instantánea… evolucionan ofrecendo outros servizos que permitan unha maior comunicación entre os usuarios, como por exemplo a videoconferencia.

A maiores destes cursos, tamén se reserva unha sesión para realizar a proba de aproveitamento dos cursos online EMA, que será o venres 31 de xaneiro de 18.00 a 19.30 horas e que permitirá obter o diploma dos cursos realizados na plataforma de teleformación da Aula Cemit.

Hora

xaneiro 2 (Xoves) - 31 (Venres)

Localización

Aula Cemit de Poio

Carreiro do Campo, 17 Combarro 36993 Poio

Está pasando!