Presentación de Noites Abertas 2025 | Concello de Pontevedra

Noites Abertas regresa con 107 actividades diferentes e 183 sesións entre o 31 de xaneiro e o 29 de marzo

27 Xaneiro 2025

  • A programación completa está xa dispoñible en noitesabertas.gal e nos próximos días terán lugar accións promocionais en diferentes IES, Campus e rúas e prazas da cidade
  • Cociña, deportes, xogos, encadernación, danza, escape room, bordado, música e instrumentos, astronomía, obradoiros creativos son algunhas das múltiples propostas
  • Aos espazos habituais sumaranse nesta edición o Muíño da Cancela, o Observatorio de Cotobade e o Cemiterio de San Amaro
  • Como novidade é por primeira vez nos últimos anos, o programa estará destinado exclusivamente a mocidade entre os 12 e os 30 anos

O concelleiro de Xuventude de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou esta mañá a que será a 26º edición do programa Noites Abertas, que botará a andar este venres 31 de xaneiro e finalizará o 29 de marzo.

“Hoxe somos aquí unha repesentación moi ampla de Noites Abertas que é o programa con mellor ambiente de todo o Concello de Pontevedra, que é o que toca pola noite, que haxa bo ambiente. Esta 26º edición de Noites, fai que un ano máis sigamos sendo o programa de lecer nocturno máis antigo do estado é desde logo, cun mérito aínda maior, que é que está organizado dunha maneira colaborativa entre entidades, persoas, e asociacións desta cidade durante os últimos 26 anos.

Para entender a complexidade do programa do que na pasada edición gozaron preto de 2.600 mozas e mozos, vou dar algunas cifras. Hai 54 entidades participantes: 15 asociacións, 23 persoas autónomas e 15 empresas. Haberá 7 fins de semana nos que teremos 14 xornadas de actividade entre o 31 de xaneiro e o 29 de marzo.

107 actividades diferentes, 100 escollidas entre os proxectos presentados máis as propostas pola propia organización e o Local de Música. Hai tamén 13 espazos difererentes, algúns habituais e outros non tanto como o Muíño da Cancela, o Observatorio de Cotobade ou o Cemiterio de San Amaro onde este ano estaremos. E sobre todo, aquí temos unha pequena representación das 136 persoas que traballan en Noites Abertas e fan posible que Pontevedra poida disponer desta magnífica oferta para a nosa mocidade. Son 126 persoas monitoras, 7 controladores e controladores, unha técnica de igualdade, un director de actividades e unha coordinadora e tamén as persoas que van andar pola cidade difundindo o programa nos centros de ensino, na rúa, para que as mozas e mozos deste cidade saiban que están de volta as Noites Abertas”.

O edil quixo destacar de Noites o programa de promoción da Igualdade e o traballo da coordinadora de Igualdade, Vicky Estévez. “Ata agora nunca ninguén en ninguna actividade protestou polas suxestións de como mellorar a súa actividade nese campo e de feito, agradecen moito esta iniciativa que promove a igualdade, a inclusión, o respecto, etc. Tamén mantemos o programa de acompañamento con Xuntos para que, como vos dicía, Noites sexa o máis inclusiva e diversa posible.” Demetrio tamén quixo lembrar que “non é preciso facer cola 3 horas antes nas actividades. Con chegar uns minutos antes é abondo e, no caso de que haxa máis persoas que prazas, farase un sorteo.

Mantemos tamén as actividades sen monitorado como o bádminton libre, o pin-pon libre e o Espazo aberto” onde calquera rapaz ou rapaza pode acudir sen maior pretensión que coñecer xente, socializar con outras persoas que non buscan unha actividade guiada, senón pasar un anaco en compañía.

Temos actividades para todos os gustos: saídas, actividades deportivas, lúdicas, artesanía, decoración de roupa, cociña que sempre ten moi boa resposta, como actividade nova un xogo de escape no Cemiterio de San Amaro, etc. É complicado destacar unha actividade sobre outra, xa que das 107 son todas son moi intersantes e non nos interesa tanto ter actividades novas como actividades que funcionan moi ben como é o caso de cociña, reutilizar materiais, as deportivas. O que imos é buscando, coa convocatoria previa que facemos, é que sexa a propia mocidade a que nos indique o que quere facer”.

Pola súa banda desde a organización destacaron que “ao ser unha convocatoria aberta sempre hai actividades novas, pero este ano o que vimos é que motísima xente que antes era participante, persoas mozas que ían ás actividades, animáronse a presentar propostas”.

Noites Abertas comezará este mesmo venres con actividades deportivas, cociña vexetariana, danzas urbanas, tatuaxes, xoiaría con elementos naturais, tatuaxes temporais, curtas co móbil, speed friendship, etc. no Froebel, Casa Azul e o Local de Músical.

Está pasando!