Exposición ‘A era das fábulas’ | © Museo de Pontevedra

Exposición 'A era das fábulas' en Pontevedra

mér10xulConsultardom29setExposición 'A era das fábulas' en PontevedraA Arte e o poder rexenerador da fantasía(Consultar) Edificio Castelao. Museo de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Do 10 de xullo ao 29 de setembro de 2024, o Edicifio Castelao do Museo de Pontevedra acolle ‘A era das fábulas’. A Arte e o poder rexenerador da fantasía’, unha exposición en tres actos que vincula as coleccións de arte da Fundación María José Jove e de TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary cos fondos artísticos, arqueolóxicos e etnográficos do Museo de Pontevedra.

Baixo os epígrafes “Acto I. Imaxinación-mar”, “Acto II. Transformación-terra” e “Acto III. Renacemento-aire”, mostraranse obras de Maruja Mallo, Vasili Kandinski, Pablo Picasso, Fernand Léger, Joan Miró, Miquel Barceló, Luis Gordillo, Louise Bourgeois, Ernesto Neto, Menchu Lamas, Noa e Lara Castro ou Teresa Solar arredor das narrativas ficcionadas, esenciais para comprender a realidade.

Comisarias: Susana González (Fundación María José Jove), Chus Martínez (TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary) e Ángeles Tilve (Museo de Pontevedra).



A plasticidade das fábulas e os contos permite preservar identidades culturais e imaxinarios populares, conectarnos coa natureza e estimular a imaxinación a través de animais, plantas e seres fantásticos, converténdoos en canalizadores de sabedoría.

A arte, do mesmo xeito que estes, ofrece a versatilidade para ser reinterpretada e reimaxinada ao longo do tempo, brindando perspectivas sobre a natureza humana, animal e vexetal e respostas imaxinativas a desafíos contemporáneos.


Exposición ‘A era das fábulas’ | © Museo de Pontevedra

As últimas investigacións sobre a formación da linguaxe indican que o noso cerebro necesita de contos para poder aprender a realidade. Calquera función tan sinxela como coller unha cunca e levala aos beizos, beber, ten unha estrutura de conto: un principio, un medio e unha resolución. Cada vez somos máis os que avogamos por unha investigación sobre os contos e as fábulas que nos permita ver a súa dimensión cognitiva, política e educadora social.

Cal é a función de fábulas e contos? Todas as fábulas comezan cun problema e o conto é o curso de imaxinar a súa solución. Como? O primeiro do que nos decatamos é que todos os axentes dun conto ou unha fábula —humanos e non humanos— poñen todo ao dispor desa procura dunha solución ao problema primixenio. Os personaxes dos contos distínguense por unha motivación infinita para a ida, por unha enerxía insaciable por chegar a un estadio no que a súa vida sexa mellor ou moi diferente da vida que se nos presenta no seu comezo. É desa enerxía infinita de onde emerxe a fantasía e a maxia. Por así dicilo, a fantasía é a tecnoloxía que os contos programan e que fai posible a oíntes e lectores imaxinar un mundo distinto.


Exposición ‘A era das fábulas’ | © Museo de Pontevedra

Nestes momentos da historia imaxinar un mundo mellor, reprogramar as tecnoloxías ancestrais xeradas en contextos rurais, transmitidas primixeniamente dun modo oral resulta non só relevante, senón necesario. Necesitamos de lóxicas capaces e elocuentes para facernos sentir a seguridade da tradición sen por iso dar ás nosas sociedades a oportunidade de transformarse. Conectar o mundo rural, os diferentes pasados dese mundo con outros mundos diferentes e afastados del é fundamental para labrar un futuro baseado no autocoñecemento e o bo uso dos mitos identitarios.

Necesitamos crear as condicións de posibilidade para saír adiante e estas son sempre unha mestura de elementos racionais e ritos ancestrais. A función de contos e fábulas é pedagóxica. A ilustración interprétaos como un pasatempo con dimensión moralizante e sitúaos moi por baixo do discurso social, político ou filosófico. Esquecen aquí que a sabedoría popular transmitida oralmente constitúe unha paideia: un método de transmisión sobre os vínculos emocionais entre os seres humanos, a natureza e a orixe e evolución da fantasía. A revolución industrial e a vida urbana constitúense como depredadores naturais dos contos. Non por falta de interese nas cidades —que mesmo hoxe fártanse a ver series— pero pola falta dun espazo-tempo para contarse as historias en persoa.


Exposición ‘A era das fábulas’ | © Museo de Pontevedra

UNHA EXPOSICIÓN EN TRES ACTOS

  • Acto I. Imaxinación-mar. Comezar co mar en Galicia é un deber. As tradicións e as prácticas mariñas, moi frecuentemente unidas ao risco de perder aos nosos seres queridos, son o berce de fábulas e contos orientados a chegar a un pacto, a unha relación de harmonía co Océano.
  • Acto II. Transformación-terra. A terra, a agricultura e os seus mitos, a labranza como práctica, a supervivencia e o clima son primordiais para entender non só o pasado senón o noso presente.
  • Acto III. Renacemento-aire. Aire e futuro van da man en Galicia, un lugar onde a comunicación foi sempre un gran reto e a tecnoloxía veuse como un elemento que complementa unha orografía complexa que fai difícil a reunión por terra pero á que pode chegarse polas ondas. Oralidade y transmisión.

CON OBRA DE: Nora Aurrekoetchea, Mercedes Azpilicueta, Jorge Barbi, Miquel Barceló, Georg Baselitz, Misha Bies Golas, Louis Bourgeois, Noa & Lara Castro, June Crespo, Salvador Dalí, Marina González Guerreiro, Luis Gordillo, Antony Gormley, Cristina Iglesias, Wassily Kandinsky, Anselm Kiefer, Menchu Lamas, Fernand Léger, Sonia Levy, Maruja Mallo, Din Matamoro, Joan Miró, Manuel Moldes, Ernesto Neto, Kiko Pérez, Pablo Picasso, Alejandra Pombo Su, Belén Rodríguez, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Rubén Santiago, Himali Singh Soin, Akeem Smith, Arturo Souto, Teresa Solar, Francisco Vázquez Díaz ‘Compostela’, Mathias Withoos e Inês Zenha.

VISITAS GUIADAS: Os xoves ás 18.00 horas, sen inscrición previa.


Hora

Xullo 10 (Mércores) - Setembro 29 (Domingo)

Localización

Edificio Castelao. Museo de Pontevedra

Rúa Padre Amoedo Carballo, 3. 36002 Pontevedra

Está pasando!