This is a repeating event

Orgullo PTV+ 2025

ven20xuñConsultarOrgullo PTV+ 2025'nin un paso atrás, nin unha letra menos' (Consultar: venres) Concello de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O Concello de Pontevedra presentou a programación do Orgullo PTV+ 2025 na que colaboran as concellarías de Cultura, Deportes e Igualdade, e o tecido asociativo da cidade: Avante LGBT+ Pontevedra e Arelas, a Área de Diversidade da Universidade de Vigo, a Facultade de Belas Artes, Atardecer Solidario, as librerías Paz e Seijas e as galerías de arte Tangram e Sedearte.

Serán dúas semanas, dende o 17 ao 30 de xuño, inzadas de actividades para visibilizar e poñer a diversidade no centro, apostando por facer da cidade un espazo seguro e acolledor.

O inicio das actividades comeza en colaboración co Diario de Pontevedra o martes, 17 de xuño, ás 19.00 horas, no terceiro andar do Teatro Principal.

O faladoiro ‘A diversidade nas aulas… Materia pendente?’, abordará a enquisa realizada este curso escolar nos centros de ESO, Bacharelato e FP de Pontevedra para analizar a realidade LGBTIQA+ dentro das aulas. Contará coa participación de Anabel Gulías, concelleira de Igualdade; Eva Mejuto, en representación do programa Pinto e Maragota, e alumnado e profesorado do Equipo de Igualdade do IES Valle Inclán. O faladoiro estará conducido pola xornalista Belén López.

A programación cultural de palestras do Orgullo corre a cargo do colectivo Avante LGBT+ Pontevedra e comeza co faladoiro ‘Referentes memoria LGBTIQA+ galega’ coa activista trans Laura Bugalho, que se celebrará o mércores 18 ás 19.00 h na Casa das Campás. Esta actividade conta co apoio de Atardecer Solidario. O afondamento na memoria do colectivo é o centro da actividade prevista para o xoves 19 coa presentación do libro ‘Vidas e Historias LGBT da Idade Media’ (Xerais 2024) con Carlos Callón, que se organiza na Libraría Paz ás 19.00 h.

O sábado 21 será a primeira edición da Feira Marica: arte e autoedición LGBTIQA+ Pontevedra que ten a Facultade de BBAA e ESDEMGA como gran motor de creación artistica e a arte queer terá tamén o seu espazo desde as 12.00 ata as 20.00 h nos Xardíns de Marescot (diante de Belas Artes). Esta é unha iniciativa de Avante LGBT+ Pontevedra en colaboración coa área de Diversidade da UVigo, Galería Tangram e Sedearte.

No luns 23 de xuño, no inicio da “semana grande” do Orgullo, está programada a presentación da instalación “ORGULLO PTV+” no balcón da casa consistorial. Unha forma artística e reivindicativa de engalanar o centro da cidade, referente xa a nivel galego e estatal.

Os faladoiros de Avante continúan o martes 24 de xuño coa actividade ‘A pegada lésbica nos deportes de contacto: Fútbol gaélico e Rugby’, con Lavandeiras de San Simón e Eli Martínez Rosales. Desde Avante destacan a necesidade de reflexionar sobre a realidade, a visibilidade e a discriminación ao colectivo LGBTIQA+ no deporte, aproveitando ademais a celebración do Multisport Tríatlon na cidade, coincidindo coa celebración do Orgullo. A palestra celebrarase na Casa das Campás ás 19.00 h.

O mércores 25 o debate xirará arredor das persoas racializadas dentro do colectivo, coa finalidade de analizar as dobles e triples discriminacións ás que se ven sometidas estas persoas, co faladoiro: ‘Espazo ocupado: habitar sendo a franxa marrón do arco da vella’, na que participarán Aranxa Vicens e Dana Rodríguez.

O xoves 26 rematan as actividades culturais coa presentación do libro ‘Insubmisión ambigua’ (Xerais 2025) con Ana Amigo, Ánxela Lema, Ártemis López e Bea Saiáns na Libraría Paz, ás 19.00 h. Trátase dunha reflexión arredor disidencia do binarismo de xénero, da heteronormatividade e da monosexualidade.

O venres 27 Avante LGBT+ rende homenaxe ao xestor cultural e membro do colectivo Marcos López, que faleceu inesperadamente o pasado mes de agosto, figura fundamental nas actividades do Orgullo de Pontevedra nos últimos anos. O acto terá como escenario o Teatro Principal ás 19.00 horas e contará coa première do coro queer SenD-Coro, idea orixinal de Marcos López dirixida por Marcelo Dobode e a performance artística de Manuel Albariñas.

Ese venres, dentro da programación do Multisport Tríatlon, terá lugar a actuación de Mondra, ás 22.00 horas na Praza de España, referente queer galego dentro da música tradicional.

O prato forte do Orgullo PTV+ será o sábado 28 de xuño, coa festa no Parque das Palmeiras que comezará ás 12.30 h. coa actuación do coro dirixido por Bonnie Cooper Happy Singers.

A sesión vermú correrá a cargo do grupo liderado polo activista trans Éric Dopazo ‘Piratas sen parche’, para dar lugar ao xantar colorido no mesmo parque das Palmeiras. De 16.30 a 20.00 horas ambientará a tarde Duendeneta Dilleis e tamén haberá actividades para a rapazada, ‘Contos do arco da vella’, unha actividade familiar con Cris de Caldas.

Ás 20.00 h. terá lugar a manifestación do Orgullo 2025, impulsada por Avante e Arelas: baixo o lema ‘Nin un paso atrás, nin unha letra menos!’. Con saída e remate no Parque das Palmeiras e lectura de manifesto (con interpretación en lingua de signos).

Ás 23.00 h. será o concerto do grupo LERIA e ás 00.30 sesión DJ con Yaya DJ.

Durante toda a xornada haberá Punto Arco Iris, Postos informativos de Avante LGBT+ e Arelas e un espazo tranquilo.

E como remate das festas pero como inicio dunha iniciativa que continuará durante o verán e o curso académico, o luns 30 de xuño a partir das 18.00 h. arranca o Club de lectura e creación queer, unha iniciativa da Librería Seijas para público mozo (a partir de 12 anos). A reserva de praza debe facerse en [email protected]

Do 23 ao 27 de xuño, ás 20.30 h volve Ambienta, Mostra Internacional de cinema LGBTIQA+, que este ano incorpora dúas novas entidades colaboradoras, o ciclo Amal en ruta e os Premios Feroz, amais das colaboracións habituais de FIC Bueu e Cineclube Pontevedra.

As proxeccións serán sempre ás 20.30 hoas no Teatro Principal.

Hora

Consultar (Venres)

Localización

Concello de Pontevedra

Está pasando!