I Festival Incodefest 2024 | Artecalavera

Incodefest revela o cartel da súa segunda edición: música, inclusión e identidade local en perfecta harmonía

8 Maio 2025

O Incodefest regresa cun novo impulso e presenta o cartel da súa segunda edición, que se celebrará o 30 e 31 de maio nun enclave único de Pontevedra, a súa alameda, en pleno centro da cidade.

O festival, que combina música ao vivo cun espírito comunitario, aposta este ano por unha programación diversa, con artistas emerxentes e consolidados, así como escolas de música locais, que amosarán o talento dos máis cativos e que poñen o foco na calidade, a inclusión e a conexión co territorio.

Igualmente, diferentes bandas do Local de Música de Pontevedra subiranse ao escenario e teñen un papel importante dentro do cartel que se presenta.

Entre os nomes destacados do cartel deste ano atopamos a FAUL e Mundo Prestigio, que compartirán escenario con propostas innovadoras como Thom Archi ou Cintaadhesiva nunhas xornadas que misturarán sons electrónicos, rock e punk, mantendo o espírito ecléctico que define ao festival.

Por outra banda, reunirá diferentes proxectos de inclusión e unha colaboración moi especial cunha banda (ECO) da Escola de Rock de Paredes de Coura (Portugal).

O Incodefest non é só música: é encontro, diversidade e cultura. Ao longo destes días, o público poderá gozar de espazos de descanso, postos de comida e actividades paralelas pensadas para todos os públicos. O festival reafírmase así como un evento sostible, accesible e comprometido coa inclusión e diversidade.

O festival, producido por Artecalavera e o Concello de Pontevedra, é un evento de balde, cunha programación coidada tanto no musical como no cultural e cun novo enfoque á hora de entender un festival.

Asimesmo, como antesala o día 22 de maio terá lugar na Cervexaría Nasa, na Santiña, a noite Boomer onde poderemos disfrutar dos proxectos musicais dos máis adultos do Estudo Bonobo e o xoves 29 estréanse en Youtube as Live Session do alumnado interpertando o album ‘Demon Days’ de Gorillaz.

Está pasando!