Presentación de ‘Maio, mes da lingua’ | © Concello de Pontevedra

‘Maio, mes da lingua’ chega cunha chea de propostas e actividades variadas co galego como principal protagonista

2 Maio 2022

  • Dentro do programa oficial aparece o concurso ‘Bótalle un conto!’, unha oportunidade única para demostrar a capacidade narrativa e oral da veciñanza pontevedresa
  • O Servizo de Normalización Lingüística aposta tamén polo formato dixital, creando unha web de seu onde poder revisar en tempo real todas as citas xa pechadas e as que se vaian incorporando

Alén de todo o que poida traer o mes de maio, o Concello de Pontevedra lembra que si ou si haberá unha (ou citas) imprescindíbeis e de diversa índole ao longo das próximas semanas. Maio, mes da lingua é o programa municipal que busca «recompilar todas as actividades que se realizan ao redor ou con motivo da lingua», seguindo as palabras do concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña.

O ciclo de actividades e actuacións é un clásico dentro da programación anual do Concello, mais volve con certos cambios, adaptado aos tempos cambiantes que corren. «Decidimos optar por un formato dixital ao habilitar unha páxina web especialwww.ponte.gal/letras22— onde imos volcar e situar todas as actividades que teñen que ver con Maio, mes da lingua», sinala o edil.

O formato en papel queda no pasado e a aposta polo dixital é, polo tanto, un feito xa consumado que permitirá unha maior comodidade á hora de realizar inscricións, participar en certas actividades e avisar de calquera incidencia ou mudanza coa maior axilidade e celeridade posíbel.

Dentro do programa de actividades figuran as seguintes citas:

  • Correlingua
  • Xogando ando
  • A Final do Club de Debate
  • Bótalle un conto!
  • Gala de entrega de premios e certame musical do Ben Veñas Maio
  • Estrea do filme A poeta analfabeta
  • A Gala das letras en Pontevedra
  • Os Sons no Retablo, coa ‘estrea’ do órgano de Santa Clara da man da Orquestra Clásica de Vigo
  • Estrea da webserie Pringadas
  • O Festival de Corais
  • Unha foliada en familia,
  • Por unha peseta, de Faia Díaz e Vero Rilo, na antiga igrexa de Santa Clara

Ademais, ao longo de todo o mes serán postos a disposición da veciñanza os fondos de libros conseguidos polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra durante últimos tempos. Así, en Michelena 30, na entrada principal das oficinas do Concello, será habilitado un novo armar io no que poderán ser recollidos libros de diferentes autores e autoras galardoados no Día das Letras Galegas.

Oubiña explica que este ano volverá ser realizada unha compra especial de libros por parte do Concello entre as diferentes librarías da cidade como unha maneira de «inxerir e activar a economía local» e dinamizar estes espazos. Cada día serán postos a disposición dos veciños e as veciñas da cidade novos exemplares, fomentando a lectura e o coñecemento sobre as nosas letras.

Doutra banda, e xa como unha referencia directa a Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano o 17 de maio, e reflexo da cultura galega no século XX, o edil de Normalización Lingüística presentou o cartel do Día das Letras Galegas 2022. Este cartaz inclúe o nome do escritor galego e abre a porta a un concurso moi especial, que será realizado a través do perfil oficial do Servizo de Normalización (https://www.instagram.com/lingua_pontevedra/), baseado na idea de adiviñar que figuras de animais aparecen representadas neste cartaz, lembrando esa idea que Florencio tiña do común, entre os que se atopan os animais do país.

De cara o Día das Letras Galegas será realizado un redeseño do cartaz presentado hoxe e as cinco primeiras persoas que acerten os animais representados neste e manden as súas respostas á nomeada conta do servizo gañarán un lote de libros do autor.

Cartaz do Día das Letras galegas

Paga a pena destacar a incorporación ao programa deste ano de Bótalle un Conto, un concurso de contos orais onde a veciñanza poderá amosar a súa habilidade para emocionar ou engaiolar coa palabra.

O Concello realizará gravacións en vídeo nos locais sociais das parroquias durante todo o mes onde os inscritos poderán demostrar a súa habilidade coa palabra —serán actuacións curtas, de 4 minutos—. Logo, o xurado analizará a peza e valorarán o estilo, a orixinalidade da narración e a capacidade de comunicación para seleccionar os contos que pasarán á final, que será pública e aberta e decidirán os gañadores, que optan a catro ceas para dúas persoas en locais da cidade, unha delas, para a persoa con maior puntuación, será cun menú especial de degustación. Todo aquel que queira participar pode inscribirse no teléfono 651 720 350.

Está pasando!