Alejandra Balboa, artista participante en las Residencias Paraíso 2023 | © Fernando Suárez Cabezas

Noela Covelo & Élise Moreau inician hoxe a súa ‘Residencia Paraíso’ en Pontevedra

22 Xullo 2024

  • Desde este luns, 22 de xullo, e até o venres 2 de agosto, no marco das ‘Residencias Paraíso 2024’, impulsadas polo Colectivo RPM, as creadoras desenvolverán o seu proxecto ‘En esta sala hay magia’ no Pazo da Cultura
  • Unha vez finalizada a súa residencia, o tándem ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso no mesmo Pazo da Cultura de Pontevedra o venres, 2 de agosto, ás 19.00h, con entrada libre ata completa a capacidade da sala
  • Paralelamente, as artistas participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón
  • ‘Residencias Paraíso’ é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

As artistas Noela Covelo & Élise Moreau inician a súa andaina na oitava edición das ‘Residencias Paraíso’ 2024 este luns, 22 de xullo, en Pontevedra. As ‘Residencias Paraíso‘ son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM.

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle, desde hoxe e até o vernes 2 de agosto, a sétima destas residencias artísticas de 2024, en torno á proposta das creadoras que ten por título ‘En esta sala hay magia’, un proxecto que nace do epílogo da ópera ‘A frauta máxica’, para indagar nos mecanismos do xénero operístico examinándoos cunha perspectiva artística experimental. Os simbolismos propios de esta alegoría polisémica que é ‘A frauta máxica’, a loucura, a sexualidade e a carnalidade, revísanse coa fin de actualizar esta obra que é patrimonio sonoro europeo.

Unha vez finalizada a súa residencia artística, Noela Covelo & Élise Moreau ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Pazo da Cultura de Pontevedra, o venres, 2 de agosto, ás 19.00 horas, con entrada libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, o tándem artístico participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.



SOBRE O PROXECTO

‘En esta sala hay magia’ é un proxecto que nace do epílogo da ópera ‘A frauta máxica’, que indaga nos mecanismos do xénero operístico examinándoos cunha perspectiva artística experimental.

Esta investigación artéllase a redor de preguntas que cuestionan a dramaturxia de este xénero e os elementos que a compoñen: o dramatismo da acción, os interludios, os intercambios que soportan as escenas, a figuración, os movementos que ocorren á vista do público, escenografía, iluminación, accesorios, efectos especiais, sinais de entradas de artistas, etc., e todo este material analizado tómase coma fonte de material coreográfico. Os simbolismos propios de esta alegoría polisémica que é ‘A frauta máxica’, a loucura, a sexualidade e a carnalidade, revísanse desde unha perspectiva actual e actualizan esta obra patrimonio sonoro europeo.


Na súa Residencia Paraíso, Noela Covelo & Élise Moreau traballan no proxecto ‘En esta sala hay magia’

SOBRE AS ARTISTAS

Noela Covelo Velasco (Pontevedra, 1994) é graduada en Deseño, especialización de Moda en ESDi e Mestrado en Arte Sonora pola Universitat de Barcelona. A súa práctica artística vincúlase á voz como materia, medio e espazo sonoro, achegándose cada vez máis á composición coral.

O seu traballo artístico multidisciplinar foi premiado por Novos Valores en 2018, e foi exposto individualmente en Bombon Projects, e no Museo de Tortosa, no 2022. Algúns dos seus proxectos performativos puidéronse ver no espai Nyam Nyam, Mieres e no Centro de Arte Dos de Mayo, Madrid no 2023. Traballou conxuntamente con artistas como Maguette Dieng, Mookie, Quim Pujol, Víctor Ruiz Colomer, Júlia Rúbies y Arash Fayez.

Noela Covelo é cofundadora do entorno para a experimentación pedagóxica choro, Foc, e integrante do grupo de estudo Cascades e Escola de Veu, La Capella e desde 2022 é parte do grupo de traballo de Radio Web MACBA.

Élise Moreau (Aviñón, Francia, 1992) é bailarina, coreógrafa e pedagoga. Traballou coma intérprete para creadores como Romeo Castellucci, Dominique Boivin o Jaco Van Dormael.

Á súa chegada a Barcelona en 2017 cofunda o colectivo Iniciativa Sexual Femenina, co que desenvolve traballos performativos e pedagóxicos con perspectiva libertaria, anti académica e feminista. Desde 2018, forma parte de Makrâl, un colectivo pluridisciplinar franco-belga que busca formas in situ para activar a memoria colectiva no territorio rural.

No 2023 comeza ‘Sensibilidad artificial’, un proyecto individual apoiado por La Caldera, La Visiva e La Poderosa (Barcelona).

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa ‘Residencias Paraíso 2024’ diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia – cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.

Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

‘Residencias Paraíso’ vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.

O maior valor de ‘Residencias Paraíso’ é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.

‘Residencias Paraíso’ é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas.

Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

Está pasando!