O baile e a música festiva nutren o primeiro disco de Ailá, que sae hoxe á venda

26 Abril 2021

Xotas, muiñeiras, valses e pasodobres. Sexan soltos, ou sexan agarrados, Ailá chega para sacar punto e facer bailar. O grupo, composto por Xan Pampín, Ángela Carou, Manuele Pardo e Abel Gañete, lanza hoxe, 26 de abril, o seu primeiro traballo discográfico: ‘Ailá. O álbum’, que conta cun avance de sete cortes nas plataformas dixitais Youtube, Spotify, Deezer e Amazon, pódese adquirir na tenda Trisquel Artesanía, de Santiago de Compostela.

A banda compostelá, fraguada nas noites de foliada na Casa das Crechas e representante de Galicia no Festival Celtic Connection 2020, publica nesta primavera un álbum que propón achegar ao público unha óptica moderna da tradición oral galega acompañada de sonoridades festivas e actuais: “Queremos espallar e compartir a enerxía universal tan propia do canto e do baile tradicional de Galicia, a súa esencia máis fonda, a súa alegría”, expón o grupo.

Ailá conta cun repertorio conformado por unha ducia de temas, máis un de agasallo, que se nutre da análise e investigación realizada por Xan Pampín en numerosos arquivos sonoros e recollidas particulares, “grazas á inmensa xenerosidade das informantes, mulleres de toda Galicia que abriron as portas das casas para compartir co mundo o sei xeito de ver a vida”, apunta o músico. Cantos de lugares tan dispares coma Laxoso (Ponte Caldelas), Santa Mariña do Barro (A Baña), Abeneiros (Ordes), Coles (Ourense), San Martiño de Galegos (Frades) ou Os Seixedos (Covelo) serven de inspiración á hora de compoñer o álbum, que Ailá completa con arranxos que beben de ritmos contemporáneos e foráneos.

Instrumentos como o acordeón, a pandeireta, o bombo, o fliscorno, as tarrañolas ou a gaita “rosca” mistúranse con naturalidade coas cunchas ou mesmo as tixolas, ofrecendo así un curioso percorrido musical por Galicia. Unha viaxe sonora con aires de charanga e corazón de serán. Unha proposta de carácter festivo, na que tamén colaboran Andrés Vilán, Manuel Amigo, Nikolai Velikov, Pedro Lamas ou Pedro Pascual, entre outros; e coa que Ailá dá boa conta do inmenso patrimonio vinculado ao canto e danza tradicional que ten Galicia.

O Auditorio Municipal de Cangas acollerá o 28 de maio o concerto de presentación do disco, unha viaxe sonora con aires de charanga e corazón de serán.

Está pasando!