‘Dorothé na Vila’ (Alejandro Gándara e Olaia Tubío, 2020)

‘Falamos’ busca crear espazos de socialización en galego arredor do cinema

6 Maio 2021

O Cineclube Pontevedra, en colaboración co programa Falamos, planifica ao longo do mes de maio a proxección de tres filmes, cun faladoiro posterior, co obxecto de promover espazos de socialización en lingua galega relacionados especificamente co cinema.

Convén lembrar que o programa Falamos, posto en marcha polo Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo, está concibido para incentivar o uso do galego entre a comunidade universitaria promovendo unha diversidade de espazos, contextos e actividades orientadas a acadar este obxectivo.

As sesións programadas polo Cineclube serán de balde e precisan inscrición previa, por cuestión de aforos e protocolos Covid, e están a abertas ao público xeral.

As inscricións poden facerse a través do enderezo de correo electrónico falamos@pontevedra.gal e, no caso de non obter resposta 24 horas antes, tamén se habilita o teléfono 646 908 177. As tres sesións terán lugar no Teatro Principal ás 20:00 h.


Xoves 13 de maio

‘Dorothé na Vila’ (Alejandro Gándara e Olaia Tubío, 85′, 2020, Galiza, VO).

Sipnose: A musicóloga suíza Dorothé Schubarth chegou a Galiza a finais dos 70 na procura dos cantos antigos que desapareceran no centro de Europa. Desta busca saíron as 300 horas de gravacións que forman o Cancioneiro Popular Galego, a maior compilación de músicas tradicionais do país. Corenta anos despois, Alejandro Gándara e Olaia Tubío inician unha viaxe tras os pasos de Schubarth para atopar as voces que ela recolleu e descubrir as súas historias de vida. É un traxecto en que convive a alegría de volver cantar e a frustración de chegar tarde para coñecer un mundo que desaparece.

Prazo inscrición: antes do domingo 9 de maio.


Mércores 19 de maio

‘As nosas derrotas’ (Jean-Gabriel Périot, 2019, Francia, 96 min., VOSG. Lingua orixinal: francés).

Sipnose: As nosas derrotas ofrece un retrato da nosa vinculación coa política a través dun xogo de reinterpretación a cargo de estudantes de secundaria que reflexionan sobre conceptos coma os sindicatos, o capitalismo ou as revoltas sociais mentres interpretan e dirixen extractos de filmes do Maio do 68. Que valor teñen a revolución ou o compromiso no seu día a día? Como perciben o mundo no que medran? E, sobre todo, van querer mudalo, destruílo ou construír un novo?

Prazo inscrición: antes do xoves 13 de maio.


Mércores 26 de maio

‘Vikingland’ (Xurxo Chirro, 2011, Galiza, 99′, VO).

Sipnose: Mariñeiros galegos traballan nun transbordador entre a cidade danesa de Romo e a illa alemana de Sylt. Un deles merca unha videocámara e comeza a gravar a súa vida cotiá e a dos seus compañeiros en innumerables travesías en medio dunha invernía. Documento sobre a emigración galega no Norte de Europa. Transposición de Moby Dick, de Herman Melville. As imaxes orixinais posúen un alto potencial testemuñal, mais están altamente afectadas pola deriva tecnolóxica. Recuperáronse para volver vivir a experiencia esgotadora do traballo duns mariñeros que se atopan lonxe do seu fogar. Esta posta en valor de imaxes de VHS en tempo da HD pode considerarse como unha provocación. O filme é unha loita para evitar que o tempo siga minando a memoria milagrosamente insertada na fraxilidade dos soportes audiovisuais. Vikingland é unha nova oportunidade para dar conta de algo que todos daban por perdido.

Prazo inscrición: antes do xoves 20 de maio.

Está pasando!