O Concello da Guarda entra no outono dando visibilidade a historias de mulleres singulares da vila

29 Setembro 2022

  • A través de dous roteiros e dúas andainas preténdese poñer en valor a figura de diferentes mulleres da vila, tanto anónimas como coñecidas, que destacaron na súa época por rachar cos estereotipos e intentar acadar un espacio dentro dun mundo do que non eran donas

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, programa para outubro e novembro a iniciativa ‘Historias de mulleres guardesas’, unha alternativa de ocio cultural e saudable na que o eixo principal son as historias de mulleres da vila que destacaron nas súas diferentes épocas por diversas razóns.

Nos roteiros, que terán lugar o 14 e 28 de outubro en horario de 20:00 a 21:00 horas e que sairán dende a Praza do Reló, falarase  dunha serie de mulleres, todas veciñas da Guarda, que dun xeito ou doutro forman parte do imaxinario colectivo e da historia da vila, cunha breve achega biográfica para lembrar como foi ou como é a vida destas mulleres e poñerlle cara amosando fotografías para que todos/as os/as participantes as recoñezan. O broche destes roteiros poráos o artista Tino Baz cunha intervención musical.

No caso das andainas, que terán lugar o 13 e 27 de novembro en horario de 10:30 a 13:30 horas e que sairán dende a Alameda da Guarda (8 kilómetros de percorrido e dificultade media), falarase de mulleres de Salcidos e Camposancos, tendo en conta fundamentalmente os traballos e oficios aos que se adicaban, e lembrando a algunhas persoas que viven ou viviron nestas dúas parroquias, amosando tamén imaxes delas para saber quen foron ou son as protagonistas destas historias.

As actividades son gratuitas e as prazas limitadas. Actividade subvencionada pola Deputación de Pontevedra.

As inscricións están xa abertas na recepción do Concello, chamando ao 986 610 000 ou no enderezo electrónico conserje@aguarda.es


Está pasando!