O Concerto das Donas chega este domingo a Meis ao abeiro de ‘Música no Ar’

10 Agosto 2022

O recital do grupo instrumental de cámara, enmarcado no programa cultural da Deputación de Pontevedra, será este domingo ás 21.00 horas no Mosteiro da Armenteira coa música de mulleres compositoras dos séculos XVII e XVIII


Este domingo 14 de agosto, ás 21.00 horas, o Mosteiro da Armenteira de Meis acollerá unha nova actuación do programa ‘Música no Ar’ que a Deputación ten en marcha co obxectivo de levar a música clásica a espazos patrimoniais da provincia como pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos cheos de maxia e historia.

As persoas interesadas en acudir a esta cita poderán asistir sen reserva, xa que a entrada é libre ata completar aforo.

O Concerto das Donas é un grupo instrumental de cámara especializado na recuperación de obras de mulleres compositoras de todos os tempos. A formación está integrada por Elena Vázquez (violín barroco), Ana Pazos (corneto), Carlos García (violonchelo), Tin Novio (tiorba), Marta López (clave) e María José Pámpano (violín barroco e dirección).

Na súa representación ‘A pegada feminina na historia da música’ farán un percorrido pola música dos séculos XVII e XVIII composta por mulleres coma Francesca Caccini, Isabela Leonarda, Bárbara Strozzi ou Élisabeth Jacquet de la Guerre.


‘Música no Ar’, enmarcado no amplo programa da Deputación de Pontevedra, ‘Con-fiando cultura’ ten como meta promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todos e todas, amais de por en valor espazos da memoria, da arte e da identidade.

Pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos, espazos protexidos cheos de maxia e historia… e a mellor música de cámara nunhas experiencias únicas!

Co fin de promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todas e todos, alén de poñer en valor espazos de memoria, arte e identidade, naceu Música no Ar, unha iniciativa coa que a Deputación de Pontevedra achegou a música clásica a todo o territorio.

Cuartetos, tríos e dúos de música de cámara con repertorios que ían desde o clásico ao contemporáneo deleitaron a público de todas as idades ao longo da nosa cartografía provincial. Tres edicións despois, Música no Ar seguirá a apoiar a renovación deste programa que tan bos momentos nos fixo sentir e aposta por unha nova tempada, onde a música instrumental, a voz e mesmo a danza volverán xerar sinerxías en perfecta simbiose co patrimonio.

‘Con-fiando cultura’… Que soe de novo a música no ar!

Está pasando!