O Correlingua deixa atrás os anos de pandemia e volve coa idea de celebrar, mais tamén de reivindicar o uso da lingua galega

16 Febreiro 2023

Pontevedra vivirá a súa festa particular o mércores, 24 de maio, escollendo de novo a Alameda como escenario para festexar e socializar entre todos os centros escolares que se acheguen


O concelleiro de Normalización lingüística, Alberto Oubiña, participou esta mañá de xoves, 16 de febreiro, na presentación dunha nova edición do Correlingua, a vixésimo terceira, sendo tamén a vixésimo terceira vez que Pontevedra tamén é un dos escenarios nos que se desenvolve.

«O Correlingua é un evento que ten transcendencia en todo o país, en todas as vilas nas que se celebra é máis que unha cita social na que a rapazada se une para reivindicar a lingua e tamén para celebrar que temos lingua propia e que temos forza para empregala», sinalou Oubiña.

Baixo o lema ‘Na casa, na escola, bota a lingua fóra!’ o Correlingua exerce de marco á diferentes actividades que se sucederán nos primeiros meses do ano. «Esta edición, en Pontevedra, a festa terá lugar o mércores, 24 de maio. Logo das restricións da crise sanitaria podemos recuperar de xeito total esta celebración, se ben volveremos usar o espazo da alameda, o palco da música, pois a experiencia foi realmente boa o pasado ano. Estaremos encantados de recibir a todo ese alumnado que queira sumarse dos centros de Pontevedra».

A presentación do Correlingua contou coa presenza de Anxo Teran, coordinador nacional do Correlingua, Celia Armas, secretaria xeral da Mesa Pola Normalización Lingüística, Marta Ferreiro, membro de CIG Ensino, e Suso Vermello, secretario nacional da CIG Ensino.

Dentro das actividades contempladas este ano, son as seguintes:

  • Crealingua – Concurso libre de creación artística en galego. O Crealingua é unha ventá aberta ao idioma, agardamos o aire fresco en forma de Banda Deseñada, Tik Tok, vídeo, blog e toda aquela produción feita polo alumnado. Data límite para o envío do material: 15 de abril. O premio será unha clase maxistral cun/ha profesional do ámbito no que participe o grupo gañador.
  • Regueifando – Faremos unha gran regueifa colectiva. Enviamos un titorial, crean e gravan 3 coplas na aula e mándase ao seguinte centro para que o continue. Ao final editamos un vídeo con todas as regueifas dos grupos participantes. Na edición do 2022 participaron 27 grupos doutros tantos centros de ensino de toda Galiza. Está actividade xa está en marcha en diversos centros de Galicia.
  • Desata a lingua – Obradoiros de escrita creativa impartidos por escritoras en aulas de 1º e 2º da ESO. Desde hai xa dúas edicións comezamos con estes obradoiros coa intención de elaborar un manifesto colectivo. O manifesto desta edición é o resultado dese traballo feito nos centros no último trimestre do 2022. Os obradoiros que se fan no 2023 darán como resultado o manifesto do Correlingua 2024.
  • Cantalingua – Concurso de música en galego. Os grupos musicales que queiran participar envían unha canción en galego e teñen de prazo ata o 12 de marzo. O xurado estará formado polas entidades organizadoras e o alumnado da ESO que queira formar parte, para iso teñen que enviar un correo solicitando a participación. Os 3 grupos gañadores serán os que animen todas as Festas do Correlingua 2023. Na edición do 2022 participaron 35 (grupos e solistas).

A inscrición na web do Correlingua está xa dispoñíble.


Está pasando!