© Diego Seixo, 2020

O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrará a súa 15ª edición no Concello de Moaña

22 Xullo 2021

O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrará a súa 15ª edición entre o 5 e o 8 de agosto, no Concello de Moaña. Un evento que olla dende a contemporaneidade pola posta en valor e preservación da cultura mariña tradicional galega.

O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia consiste na concentración de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego e doutras zonas xeográficas. Esta concentración acompáñase de actos culturais e de lecer, charlas, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional, artesanía…

A súa celebración ten como obxectivo principal evidenciar a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de preservalo. Por outra banda, os Encontros amosan o traballo no eido da recuperación do patrimonio feito polas asociacións, ao tempo que supón unha actividade de dinamización social e de lecer, sendo unha festa atractiva para a veciñanza e visitantes da vila que o acolle.

Un aspecto a destacar do traballo que ven desenvolvendo a FGCMF con respecto ao Patrimonio Marítimo Galego en xeral e aos Encontros de Embarcacións Tradicionais en particular, é o seu potencial como elemento de dinamización das comunidades mariñeiras.

Os Encontros dinamizan sectores como a carpintería de ribeira, a velaría, os efectos navais, artesáns, e sobre todo a conservar e divulgar o Patrimonio Marítimo Galego. Tamén potencian os atractivos turísticos das comunidades da beiramar axudando a un turismo sostible, tal e como recomendan os diversos proxectos en marcha da Comunidade Europea e o recente manifesto da comunidade museística internacional co gallo da celebración do Día Mundial dos Museos.


Está pasando!