O Entroido despide Pontevedra cunhas xornadas sobre a súa historia e relación con Galiza desde Santa Clara

10 Marzo 2022

O programa inclúe un total de sete relatorios que contarán con presentacións de libros e traballos, amais de sesións divulgativas sobre elementos ou espazos concretos do entroido

A cita cultural cumpre este 2022 dez anos de traballo en colaboración co Concello de Pontevedra e recupera o seu formato presencial, perdido por mor da pandemia

Se ben a programación festiva do Entroido pontevedrés rematou co velorio e a queima de Ravachol, símbolo da cidade, esta fin de semana será a derradeira despedida dunha das tradicións galegas máis chamativas e estudadas. O formato deste adeus virá en forma de relatorios baixo o nome das X Xornadas sobre o Entroido de Galiza.

A antiga igrexa de Santa Clara funcionará como sede destas xornadas, que se celebrarán o 11 e o 12 de marzo, organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) en colaboración co Concello de Pontevedra. O presidente da SAGA, Rafael Quintía, destaca destas xornadas a súa lonxevidade e o seu valor dentro do circuíto cultural. «Facemos dez anos destas xornadas que son as de referencia en toda Galicia no tema da divulgación e debate sobre o entroido galego. Son dez anos de continuidade e de apoio por parte do Concello, o que vén a consolidalas como a cita obrigada dos interesados no entroido. Este ano é especial por ser o primeiro entroido participativo dende a pandemia».

O programa inclúe diversos relatorios cada día:

Venres 11

  • 18:00 h. Apertura das xornadas
  • 18.10 h. Carlos X. Ares: Presentación do caderno ‘Apegotes, burros e trangalladas’
  • 18.30 h. Rafael Quintía: Presentación do caderno ‘O Entroido de Doade’
  • 18.50 h. Mª Ángeles Rodríguez Yáñez: ‘Periódico O SIl: 25 anos poñendo en valor a cultura do Entroido en Galicia’
  • 19.40 h. Nieves Amado: ‘Rebordechao, un entroido durminte na Serra de San Mamede: o lugar de conexión entre Felos e Peliqueiros’
  • 20.35 h. Mesa redonda e coloquio final

Sábado 12

  • 18:00 h. Apertura das xornadas do sábado
  • 18.10 h. Guillerme Ignacio Costa: Presentación do libro ‘Damas e ghaláns no entruido de Nergha’
  • 18.30 h. Mónica Vázquez e Antonio Sousa: ‘Entroido de Sande tras da máscara de arame e as plumas de ave’
  • 19.20 h. Óscar González: ‘Mascaradas da Península Ibérica’
  • 20.15 h. Mesa redonda e coloquio final
  • 20.30 h. Clausura das xornadas

Quintía apunta sobre o entroido que «sen lugar a dúbidas é a festa ritual máis importante da nosa cultura, a máis complexa e polisémica. En termos antropolóxicos é o que se chama un feito social total. Posiblemente o entroido máis rico e diverso de Europa e un dos máis vivos». Esa fonda mirada será aplicada nos diferentes relatorios, que desde un espazo singular de Pontevedra, agora recuperado para o uso da veciñanza a través do ocio, a cultura e a divulgación, aportará novas visións e informacións sobre o entroido do país.


Está pasando!