‘Barcos de pedra, avións de madeira’ | © Carmen Hermo

O Espazo Nemonon de Pontevedra acolle a partir deste domingo a exposición ‘Barcos de pedra, avións de madeira’, de Carmen Hermo

10 Novembro 2022

‘Barcos de pedra, avións de madeira’, é o título desta exposición do sempre marabilloso Espazo Nemonon, e tamén é unha frase que nos abre a porta a unha mirada sinxela e lúdica sobre o proceso de creación.

Non é doado arrancar de novo; os cambios producidos dunha maneira brusca e non desexada desequilíbrannos, as verdades máis absolutas, ou aquelas que pensamos que realmente o son, quebran irreparablemente.

A volta ás orixes, ao cariño desinteresado, á verdadeira amizade e á natureza, sempre a natureza, volven arrincar o motor. Un motor que fai voar aos avións de madeira entre flores e plantas e tamén fai flotar os barcos lendarios agochados nas pedras da praia.

Visitable do 13 de novembro ao 9 de decembro no Espazo Nemonon (Villa Pilar, Marqués de Riestra, 11, Pontevedra).

A inauguración terá lugar ás 13:00 horas do domingo 13 de novembro.


‘Barcos de pedra, avións de madeira’ | © Carmen Hermo

CARMEN HERMO (A Coruña 1967)

Doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo 2003 e licenciada pola Universidad de Salamanca 1985-1990.

Docente desde 1991 compaxina este traballo co de deseño e creación no seu estudio de Pontevedra.

Participou en máis de 60 exposicións a nivel nacional e internacional e publicou a súa obra e ensaios en numerosos catálogos e publicacións, entre as que destaca o seu libro: “Pintar en la era digital”, da colección Arte y Estética.

Ilustradora colaboradora da editorial Kalandraka coa que publica “Man de Camelle” mellor libro ilustrado do 2019 da Gala do Libro Galego.

Ten comisariado máis de 20 exposicións entre as que destaca o Museo Man de Camelle da Costa da Morte.

Artista comprometida coa contorna e o medio ambiente desenvolve a práctica da súa obra no ámbito da arte e a natureza.

Traballa desde a linguaxe pictórica na súa máis ampla expresión. Experta en técnicas artísticas históricas e tamén nas últimas tecnoloxías aplicadas á creación e a difusión.


Está pasando!