O festival Sete Falares achegará a Pontevedra historias de 12 contadores e contadoras entre o 8 e o 15 de xuño

27 Maio 2025

  • Galiza, Bretaña, Uruguai, Euskadi, Brasil, Colombia ou Alacant serán os lugares de procedencia das voces que poderemos escoitar ao longo dunha semana
  • Por primeira vez o Paraninfo do IES Valle Inclán e os Xardíns de Marescot formarán parte dos escenarios do festival xunto a outros emprazamentos habituais coma a Casa da Luz, o Parador de Turismo e o Teatro Principal
  • Todos os espectáculos son de balde, excepto a inauguración e a clausura que terá lugar no Teatro Principal e contarán con venda anticipada a partir das 12.00 h. de mañá mércores en Ataquilla.com a un prezo de 8 e 4 euros. De non esgotarse, unha hora antes na billeteira do teatro

O edil de Cultura Demetrio Gómez presentou esta mañá acompañado de Tareixa Alonso e Xacobe Rodríguez de Pavís Pavós, coordinadores do festival, unha nova edición de Sete Falares, que terá lugar entre o 8 e o 15 de xuño.

“É unha das semanas do ano das que máis gozamos porque escoitar as narracións orais, a sinxeleza que hai na narración dunha persoa, é ben emocionante e unha das cousas máis bonitas que pasan en Pontevedra. Desta volta van vir desde os sete mares 12 contadores e contadoras diferentes para contarnos en Pontevedra as súas historias”, comentou o edil.

Presentación do festival Sete Falares 2025 | Concello de Pontevedra

Demetrio quixo lembrar que “todos os espectáculos serán de balde agás a inauguración o día 8 de xuño ás 20.00 h e a clausura o 15 ás 21,00 h, que terán lugar no Teatro Principal e contarán con venda anticipada a partir de mañá en Ataquilla.com.

Os prezo serán de 8 euros (4 euros para persoas estudantes, desempregadas ou maiores de 65) e, de non esgotarse, tamén estarán á venda unha hora antes no despacho de billetes do teatro”.

Tareixa Alonso afirmou que “desde Pavís Pavós estamos aquí un ano máis presentando esta festa da palabra, esta arte que é a de contar historias. O festival Sete Falares botou a andar xustamente o 8 de xuño de 2012, cunha duración da 3 días. A cousa foi medrando e nesta edición, ao igual que nas últimas, teremos xa sete días nos que se dan cita unha serie de contadoras e contadores que comparten este oficio.

Chegan desde distintos lugares e este ano teremos contadores de Galicia, Colombia, Euskadi, Alacant, Uruguai e Brasil, aproveitando esa sorte que temos de compartir lingua. Como veredes, o fermoso programa deseñado por Ovo, conta con sete animais mariños, que representan as nacionalidades dos convidados e convidadas, xa que este ano, todos os países que están en Sete Falares, teñen mar”.

Antes de debullar o programa, que está dispoñible na web do evento setefalares.eu, onde é posible tamén consultar a biografía das persoas que farán parte deste encontro internacional de contadores de historias, Tareixa subliñou que o programa na súa totalidade está dirixido a público adulto. Poden vir adolescentes pero non é unha programación infantil.”

Nos diferentes formatos habituais, con contadas individuais, de tres en tres ou de dous en dous, nas catro quendas do ‘Vieiro de historias por Pontevedra’ e na gala de clausura, o público poderá gozar con María da Pontragha (Galiza) e Bleuenn Le Friec (Bretaña), Caxoto (Galiza), Charo Pita (Galiza), Soledad Felloza (Galiza- Uruguai), Avelino González (Galiza), Iñaki Carretero (Euskadi), Léla Mayer (Brasil), Nelson Calderón (Colombia) e Raquel López (Alacant).

Está pasando!