Presentación da ‘Sesión Bravú’ | © Concello de Pontevedra

O movemento bravú festexa o seu 30 aniversario en Pontevedra co documental de Nós TV e o concerto da Banda Xangai acompañada das Rager, do proxecto municipal Xeración Sónica

18 Novembro 2024

  • Culturgal acollerá a ‘Sesión Bravú’ o venres 29 de novembro ás 21h. no Auditorio do Pazo da Cultura. O acceso será de balde ata completar cabida coa entrada da feira
  • Xurxo Souto, o que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto e referente indiscutible do bravú, protagoniza o filme documental ‘BRAVÚ XXX’, producido por Nós Televisión
  • O concerto posterior a proxección, da man da Banda Xangai contará entre outras sorpresas coa colaboración das Rager, o grupo pontevedrés formado por integrantes moi novas que versionarán o mítico tema bravú dos 90 ‘Estou na lavadora’ do Caimán do Río Tea

O edil Demetrio Gómez presentou a festa do 30 aniversario do bravú en Pontevedra, da man da guionista Ana Viqueira de Nós TV, Xurxo Souto, Gonzalo Maceira como coordinador do proxecto municipal Xeración Sónica e Camilo Franco, director da Culturgal.

O evento, que contará coa proxección do filme documental ‘BRAVÚ XXX’ producido e realizado por Nós Tv e unha posterior actuación da Banda Xangai acompañada polo talento das mozas de Rager, terá lugar o venres 29 de novembro dentro da Feira das Culturas Galegas, Culturgal.

Para acceder, de xeito libre ata completar cabida, só é preciso contar cunha entrada para a feira.

O edil de Cultura quixo salientar o apoio do Concello ao audiovisual afirmado “xa vedes que estamos de estamos de lúa de mel co audiovisual en Pontevedra. Cando nos veñen visitar e nos traen producións audiovisuais estamos encantadas e ademais, cando como podedes ver, hai colaboración entre as entidades que nos visitan e as de Pontevedra, pois moito máis contentas” .


Presentación da ‘Sesión Bravú’ | © Concello de Pontevedra

Hoxe vimos comentarvos a estrea o día 29 de novembro dentro da programación do Culturgal ás 21h. o documentario ‘BRAVÚ XXX’ para festexar o 30 aniversario do Movemento bravú. Acompáñanme Camilo Franco do Culturgal, Ana Viqueira de Nós, guionista do documental que tamén produciu Nós TV, o artista e tamén guionista da peza, Xurxo Souto e Gonzalo Maceira que forma parte da sorpresa que vimos anunciar, porque vai haber participación pontevedresa e nón só mirando cara estes 30 anos pasados senón mirando cara o futuro que ten por diante a música e a cultura galega feita aquí e en todo o país. Estamos encantadas de ter este diálogo, esta producción, este vento que desde o primeiro día que nos propuxeron, logo de moitas eivas e grazas á paciencia de producción, ao final está en pé.

Tomou a palabra a guionista do filme, Ana Viqueira que, logo de agradecer a colaboración ao Concello, a Culturgal, a Xurxo e Gonzalo Maceira, “xa que grazas a estas persoas que están ao meu carón, puidose facer este documental. Para nós e para Nós TV é unha honra e toda unha responsabilida de porque tiñamos que contar o Movemento bravú que non é pouca cousa neste país. Foi un punto de inflexión no só na na historia da música, senón tamén a historia da cultura e do país en xeral.

Hai unha xeración que non se pode entender sen o movemento bravú. Para nós era importante empaparnos desa esencia, ser respetuosas co movemento. Non colocar o 30 aniversario do movemento nunha efeméride de vitrina, achegarnos desde o que realmente é: unha unión da historia da nosa música, dos talentos dos país, que bebe ben da tradición e sabe prolongar esa unión e chegar ás altas modernidades e vangardas da música desde o propio ata hoxe en día, en que vemos os grandes éxitos da música galega en galego, protagonizada moitas veces por mulleres ou incluso moitas veces por disidencias, con ese arrecendo a Bravú.

Sempre tivemos claro que Pontevedra debía ser e é un dos puntos de arranque do documental. É o motor. Arrancamos en Pontevedra e desde esa mocidade, ese fío da nosa historia cultutal e musical e aí ten moito que contar tanto Xurxo como Gonzalo dunhas artistas de talento inmenso coas que gozamos moitísimo gravando, que versionan nada máis e nada menos o ‘Estou na lavadora’ do Caimán do Río Tea. Unha pasada que hoxe en día se están a xerar talentos dese nivel. Recomendarvos esa cita no Culturgal o 29 de novembro tanto as xeracións que viviron o Bravú como as de hoxe en día, porque penso que nos une a todas e todos como pobo”.


Presentación da ‘Sesión Bravú’ | © Concello de Pontevedra

O artista Xurxo Souto anunciaba que “o día 29 en Pontevedra vai ter lugar un evento único e irrepetible como demanda o Culturgal e co apoio decidido do Concello de Pontevedra que non podería ser sen o impulso de Nós TV: a Sesión Bravú! Nos xuntámonos hai 30 anos en Chantada un fato de grupos para por unha etiqueta do que estabamos facendo. Dicían en aquel momento que o galego non valía para o Rock&roll e creamos unha dinámica de creatividade en colectivo que foi fascinante para nós, descoñecidade para a xente máis nova. Este documental grazas a Rosabel e Nós, está activando moitas cousas bonitas.

Cando creamos en galego producimos elementos únicos, queremos facer feliz ao mundo coa riqueza da nosa diversidade. Ese documental, esa descuberta que xa me dixeron que nada de nostalxias, que era mirar cara o futuro. É unha proclama cara o futuro, que chega ao Culturgal, a feira das industrias culturais de Galicia. A Sesión Bravú é unha creación feita para esa noite que reflicte un pensamento que quizá andaba polas marxes e que agora grazas ao Culturgal, está na cerna. E grazas ao Concello de Pontevedra, que teño colaborado con vós máis veces, por ese gosto que tedes, de alén de contratar un espectáculo xa feito, crear un espectáculo propio. Esa é a diferencia. Eso é o Bravú.

A Orquestra Bravú Xangai vai acompañar a proxección do documental e vai dialogar – e isto é revolucionario – cunhas rapazas de “punkyvedra” que teñen 15 -16 anos: as Rager, de Xeración Sónica. Isto é subversivo, que músicos veteranos dialoguen nun espectáculo con rapazas de 15 anos, acontece poucas veces. E onde acontece, no Culturgal.


Presentación da ‘Sesión Bravú’ | © Concello de Pontevedra

Antes de ceder a palabra a Gonzalo Maceira “que vai falar destas rapazas talentosas”, Xurxo quixo rematar coa reflexión de que “a música serve para compartir, esa humilde oferta do Bravú que trascende grazas a Nós TV, Culturgal e o Concello de Pontevedra. Ti que me levas, eu que te axudo, ímoslle xuntas ao cabo do mundo!!”

Pola sua banda o coordinador do programa municiapal Xeración Sónica, quixo salientar “a sorte de poder participar neste proxecto. Como dicía Xurxo é algo irrepetible. Para nós, pensando en que Xeración Sónica é un proxecto de formación, formación en cultura, era unha oportunidade xuntar estas dúas xeracións e ver como un proxecto que nace aquí, que levan dous anos, que están creando as súas propias cancións e estas rapazas son das bandas de Xeración Sónica, dos grupo máis críticos, que teñen letras para intentar mudar o mundo, ect. É un acerto que que Rager poida estar coa Banda Xangai o vindeiro venres 29. Ese día imos facer a estrea da canción.

Queremos amosar á xente nova con este proxecto, os ‘Recreos ao vivo’, e outras iniciativas, que isto pódese facer, que as Rager son de verdade, que teñen moito que contar. Animar á xente a crear e a facer cultura que é unha ferramenta que axuda a mudar o mundo. O venres todo o o mundo a darlle gas!”.

Atedendo á pregunta dos xornalistas, Camilo Franco apuntou que “a montaxe da Culturgal vai estupendamente e con respecto ao ano pasado imos unha semana por diante. Sobre o Bravú estamos encantados, incluso máis alá do entusiasmo, na idea de que o Culturgal é unha plataforma na que pasan cousas que poden volver a suceder pero que non sucederon antes. A idea de combinar un documentar cun concerto xon xente nova e xente non tan nova é xustamente a filosofía do Culturgal: feito desde aquí, feito desde nós e feito para todo mundo. Como responsable do Culturgal, estou orgulloso”, rematou.



Sinopse BRAVÚ XXX

Logo de ver a cover que as novísimas compoñentes do grupo musical Rager, pertencente ao proxecto Xeración Sónica do Concello de Pontevedra, fan do mítico tema bravú ‘Estou na lavadora’, Xurxo Souto arranca nunha viaxe que lle permite visitar e entender de novo o que foi o movemento bravú.

Inicia o camiño na Coruña desde o barrio de Monte Alto, berce dos Diplomáticos, co garbo de Paola Beiro, integrante das Garotas da Ribeira conectada co repentismo e a cultura popular mais tamén coa Barcelona mestiza que personificou o músico Manu Chao. Xurxo Souto atópase no seu camiño con Nuno Pico, de Grande Amore, quen achegará a visión da nosa fornada da música galega que está a colleitar grandes éxitos dentro e fóra do noso país. Continuará o camiño pola Coruña para visitar ao referente e padriño da xeración bravú, Xosé Manuel Pereiro, aliás Johnny Rotring en Radio Océano, con quen senta na barra da Buserana.

María Xosé Silvar, Sés, agarda nun estudo da Casa do Rock para explicarlle a Xurxo Souto como influíu nela a referencialidade do movemento bravú; para despois continuar a viaxe na Sala Ártika de Vigo cos Vacalouras, quen conservan do Bravú ese descaro e reivindicación da aldea e dos barrios. Con esta cosmovisión pangalaica, Xurxo Souto emprende á parada final de BRAVÚ XXX: a Taberna Caballero, aldea de Viana, concello de Chantada. Alí volverá reunirse cos cofundadores do movemento bravú para compartir con eles lembranzas e pensamentos logo de trinta anos de anécdotas e amizade.

  • Ficha técnica: Filme documental. 55 minutos
  • Presentacións: Xurxo Souto
  • Produción executiva: Rosabel Candal, Diego Frey
  • Guión: Xurxo Souto, Ana Viqueira
  • Produción: Ana Viqueira, Rosabel Candal, Xurxo Souto
  • Dirección: Ana Viqueira, Diego Frey, Martín Rodríguez, Roi Barros
  • Realización e montaxe: Martín Rodríguez, Diego Frey
  • Fotografía: Pio Cribeiro, Roi Barros, Martín Rodríguez, Pablo Kaufmann
  • Dron: Pio Cribeiro
  • Son directo e posprodución de audio: Eloy Táboas (TapeSons)
  • Voz en off: Ana Lemos
  • Animación e creatividades: Roi Barros

Estrea en Nós Televisión, R e Movistar Plus+ en aberto o 11 de decembro

‘BRAVÚ XXX’ estrearase en Nós Televisión o 11 de decembro, antes de rematar o ano e para culminar toda unha serie de eventos que están a ter lugar por toda a xeografía galega para conmemorar o trinta aniversario deste movemento.

A partir dese día, o documental estará dispoñible en aberto nacanle de youtube de Nós Televisión; na canle 119 da plataforma de televisión de R para toda Galicia; e na plataforma de Movistar Plus+ de contidos baixo demanda para todo o Estado español.

Está pasando!