O Museo de Pontevedra abre a tempada de visitas ás Ruínas de San Domingos

16 Marzo 2022

O Museo de Pontevedra abriu onte a tempada de visitas ás Ruínas de San Domingos. As instalacións permanecerán accesibles ao público ata o 31 de outubro e poranse a disposición das persoas interesadas visitas guiadas cada xoves ás 12 do mediodía.

O horario de visita será de 10:00 a 14:00 horas polas mañás e de 16:00 a 19:30 horas polas tardes de martes a sábados, e de 11:00 a 14:00 horas os domingos, estando pechadas os luns como todos os edificios do Museo. A  diferenza do ano pasado durante a pandemia, a entrada será libre (sen restricións de capacidade salvo por cuestións de seguridade) e sen necesidade de inscrición previa nin para realizar a visita libre nin para a guiada.

Para mellorar a experiencia da visita ás Ruínas agárdase que nos vindeiros meses poida estar dispoñible o audiovisual 3D hiperrealista sobre a construción. A peza visua, a través da lectura dun código QR, pretende facilitar a comprensión da construción, da súa historia e da súa transformación ao longo dos séculos, xa que se trata do inmoble máis antigo dos que conforman o conxunto do Museo de Pontevedra pero é pouco coñecido en canto ás súas características e á súa historia.

Ruínas de San Domingos

É o edificio máis antigo de todos os que forman parte do Museo de Pontevedra. Consérvase unicamente a cabeceira, de cinco ábsidas -excepcional no gótico galego-, xunto con parte do muro sur da igrexa e a entrada ó capítulo do convento de Santo Domingo, fundado en torno a 1282, se ben as obras do templo actualmente conservado non se iniciaron ata 1383, continuando ó longo do século XV.

Como consecuencia da aplicación da lei de exclaustración, o convento péchase o 8 de decembro de 1836, sendo entregado á Junta de Enajenación de Edificios y Efectos de los Conventos Suprimidos da Provincia de Pontevedra e logo cedido para Casa Asilo ó Concello, que o recibe en maio de 1840. Malia estar ocupado sucesivamente polo cárcere de mulleres, polo hospicio, pola escola de párvulos, ademais doutros puntuais destinos ditados polo Concello, foise deteriorando ata chegar a un estado ruinoso, de xeito que xa en 1846 se empregaron diversos materiais para o pavimentado de rúas. En 1864 é derrubada unha capela e, entre 1869 e 1870, a parte superior da torre situada na esquina sudoriental.

O Concello solicitara de novo a súa cesión o 12 de marzo de 1874 coa finalidade de proceder ó seu derrubamento total e poder ampliar así ata o seu terreo o Campo da Feira, cesión que é informada favorablemente polo Gobernador Civil e Presidente da Comisión Provincial de Monumentos, pero coa condición de que se respectase a parte da antiga igrexa e outros elementos de interese.

Está pasando!