O Museo de Pontevedra acollerá en novembro as I Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial

13 Outubro 2021

Os días 4 e 5 de novembro van ter lugar no Museo de Pontevedra as I Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial: Patrimonio e Comunidades.

As I Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial nacen como unha iniciativa do Museo de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela a través da área de didáctica das Ciencias Sociais do Grupo de Investigación Roda.

Promovidas pola Deputación de Pontevedra a través do Museo de Pontevedra, as xornadas pretenden converterse nun foro para a posta en común de diferentes experiencias que se están desenvolvendo tanto en Galicia como noutros lugares de España e Portugal, grazas a actividade que promoven equipos de educación e acción cultural dos museos, investigadores universitarios e persoas relacionadas coa educación patrimonial

O programa inclúe tres relatorios a cargo de: a coordinadora do Observatorio de Educación Patrimonial de España, Dª Olaia Fontal, da Universidade de Valladolid; a coordinadora xeral de Educación do Museo do Prado, Dª Ana Moreno; e o responsable da área de Educación do Museo Thyssen-Bornemisza, D. Rufino Ferreras. Así mesmo prográmanse tres mesas redondas coa participación de investigadores e profesionais vinculados con museos e universidades, e sesións interactivas abertas para debater sobre as iniciativas de educación patrimonial que se presentan en forma de pósters polas persoas inscritas.

A inscrición é gratuíta, mais compre rexistrarse previamente aquí. Habilitarase a opción de asistencia online ás sesións das Xornadas así como a presentación telemática dos pósters que non poidan realizarse de forma presencial. Expedirase certificado de asistencia.

Nota sobre a presentación de póster: As persoas interesadas deberán facer unha solicitude previa indicando a temática e autoría até o día 15 de outubro. Unha vez aprobada deberán enviar o texto definitivo antes do 25 de outubro de acordo co formato e as normas previstas. As sesións de presentación e debate serán coordinadas para promover o diálogo e a participación, e as aportacións, que poderán acompañarse dun breve texto explicativo, serán publicadas polo Museo de Pontevedra en formato electrónico.


Programa

4 Xoves

  • 09:00-9:30 Entrega de acreditacións
  • 09:30-10:00 Acto inaugural
  • 10:00-10:45 Relatorio inaugural. Olaia Fontal, Universidade de Valladolid
  • 10:45-11:15 Pausa café
  • Relatorio 1. Rufino Ferreras, Museo Thyssen-Bornemisza
  • 12:00-13:30 Mesa 1. Os museos e a mediación cultural. Coordinan: Miguel Ángel Cajigal, Fundación Cidade da Cultura de Galicia; Encarna Lago, Rede Museística Provincial de Lugo; José Antonio Chilía, Museo de Cádiz
  • 16:00-17:30 Mesa 2. A educación patrimonial e a Axenda 2030. Coordinan: Alice Semedo, Universidade de Porto; Marián López Fernández-Cao, Universidade Complutense de Madrid; Cosme Gómez, Universidade de Murcia
  • 17:30-18:15 Pausa café
  • 18:15-19:45 Sesións simultáneas de pósters. Coordinan: Álex Ibáñez, Universidade do País Vasco; Myriam Martín, Universidade de Huelva

5 Venres

  • 09:30-11:00 Mesa 3. Os museos e a dimensión social do patrimonio. Coordinan: Ana Estévez, Museo do Pobo Galego; Paula Tilve, Museo de Pontevedra; Beatriz Comendador, Universidade de Vigo
  • 11:00-11:45 Pausa café
  • 11:45-12:30 Relatorio 2. Ana Moreno, Museo Nacional del Prado
  • 12:30-13:00 Conclusións e propostas de futuro
  • 13:00-13:30 Peche e despedida
Está pasando!