Ruínas de San Domingos | © Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra pon en marcha as visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos

2 Xuño 2023

As Ruínas de San Domingos permanecerán accesibles ao público ata o 31 de outubro e poranse a disposición das persoas interesadas visitas guiadas cada xoves ás 12:00 do mediodía.

O horario de visita libre é de 10:00 a 14:00 horas polas mañás e de 16:00 a 19:30 horas polas tardes de martes a sábados, e de 11:00 a 14:00 horas os domingos, estando pechadas os luns como todos os edificios do Museo de Pontevedra.

A visita é con entrada libre, sen necesidade de inscrición previa nin para realizar a visita libre nin para a guiada.

RUÍNAS DE SAN DOMINGOS

O convento pechouse o 8 de decembro de 1836 debido á lei de exclaustración. Foi entregado á Junta de Enajenación de Edificios y Efectos de los Conventos Suprimidos de la Provincia de Pontevedra, a cal, á súa vez, o cedeu en usufruto ao Concello para instalar unha casa asilo. Durante o século XIX tamén tivo outros usos, como cárcere de mulleres, hospicio, casa cuartel da Garda Civil, escola de párvulos ou caixa de quintos.

En 1846, debido ao seu estado ruinoso, as autoridades municipais inician o proceso de derruba e reutilización da pedra en varias intervencións urbanísticas, coma a pavimentación das rúas. Novas derrubas acontecerían en 1880 e en 1886 por parte do Concello, que non cesaba no seu empeño, pero de novo serían interrompidas pola intervención dunha parte da cidadanía pontevedresa e, en especial, da figura de José Casal y Lois e da Comisión Provincial de Monumentos.

Salvado da demolición, en 1894 cederíase á recentemente creada Sociedad Arqueológica de Pontevedra, que o elixira como o lugar idóneo para instalar o seu museo.

O 14 de agosto de 1895, as Ruínas de San Domingos foron declaradas Monumento Nacional, co que se converteron no primeiro de Galicia xunto coa colexiata de Santa María a Real do Sar, en Santiago de Compostela.

Tras a morte de Casto Sampedro e Folgar, o 8 de abril de 1937, e a consecuente extinción da Sociedad Arqueológica, as Ruínas de San Domingos e todos os fondos que albergaban incorporáronse definitivamente ao Museo de Pontevedra e convertéronse, así, na segunda sede da institución tras o Edificio Castro Monteagudo.

Na actualidade, ademais dos restos arquitectónicos e escultóricos conservados do complexo conventual, exponse unha interesante mostra de escultura funeraria, con sepulcros nobiliarios e laudas gremiais, e a colección de heráldica.

Está pasando!