Presentación da undécima edición do festival Surfing the Lérez | © Concello de Pontevedra

O Surfing the Lérez propón tres días de música e ocio na Illa do Covo cunha oferta de balde para todos os públicos posíbeis

5 Xuño 2023

  • O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que este festival configúrase como a cita deste tipo que «mellor reprenta á cidade» grazas ás súas singularidades
  • O cartel deste este ano estará configurado por un 95 % de bandas galegas, cunha ampla mostra da música local, e incluirá unha oferta infantil dedicada

O Surfing the Lérez forma parte xa da cidade de Pontevedra como unha das citas máis recoñécibeis e recoñecidas da mesma. O festival, promovido polo Concello de Pontevedra, converteuse nun referente no país ao apostar por unha serie de características que o fan, aínda hoxe, unha singularidade dentro do panorama musical e de ocio galego.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado de Marcos Rivas, encargado da produción do evento, presentou esta mañá de luns o cartel completo cos grupos musicais que actuarán na contorna da Illa do Covo. Trátase da súa undécima edición e da número nove que se fai neste espazo natural.



O rexedor da Boa Vila sinalou a consolidación deste festival, ao levar xa máis de dez anos formando parte da programación festiva da cidade, aparecendo nesta como «o festival que mellor representa a filosofía cultural e musical de Pontevedra por moitas razóns». Dentro deses elementos que o fan singular e elévano sobre outras propostas, sería o seu formato diurno, o seu carácter familiar e para todos os públicos, a súa gratuidade, a ampla representación galega e local coa que conta e o comportamento exemplar do público ano tras ano.

Lores definiu o Surfing como «unha romaría moderna» á que a xente acude a «bailar, cantar, comer, namorarse ou, simplemente, gozar dun espazo natural que é absolutamente ideal e espectacular». Ademais, destacou a presencia do escenario infantil cunha programación pioneira dentro do país para os «moi noviños» talentos.

Doutra banda, o alcalde lembrou o carácter solidario do evento, indicando que os asistentes poden (e deben) colaborar coa Rede Axuda na recollida de alimentos. Nese sentido, Marcos Rivas fixo fincapé neste punto, facendo un chamamento a que non se perda o costume de acudir á esta festa cunha doazón en forma de alimentos.

Rivas indicou que o cartel deste ano é obra da deseñadora Sara Moraña Docampo e que «o Surfing pecha unha serie de citas musicais nun país no que é imposíbel atopar outra cidade cunha oferta maior no referente á contratación de bandas galegas e locais, tal e como se vén demostrando nos eventos como Arte e Parte, Cabos Soltos ou o Galegote». «Debemos estar orgullosos de ter esta programación na nosa vila porque é unha cousa única», explicou.

Nesta edición, a produción do evento contará como traballadores para o evento con rapaces e rapazas da Asociación Juan XXIII, nunha nova colaboración na procura da integración e no fomento da diversidade laboral para persoas con Síndrome de Down.

Está pasando!