
O TapeaPoio celebrarase do 2 ao 18 de maio en vinte establecementos de todo o concello e con 7.500 euros en premios
25 Abril 2025
- Poderanse degustar un total de 24 tapas en 20 establecementos, a un prezo único de 4 euros, e en dúas categorías: tradicional e creativa. Haberá premios para as tapas máis votadas polo público e para as mellor valoradas por un xurado composto polos chefs Pepe Solla e Xosé Cannas (Pepe Vieira), a empresaria Marga Soliño e o blogueiro gastronómico Alberto Ribas (Alvientoo)
- Ángel Moldes destaca que “Poio está hoxe no seu mellor momento, temos un concello vivo, dinámico, atractivo… e propostas como o TapeaPoio son un apoio decidido para o sector” e amósase confiado en que “si o primeiro TapeaPoio foi un éxito, esta segunda edición será extraordinaria”
- Rocío Cochón agradece a resposta de sector e público e a xenerosidade dos colaboradores, que fixeron posible “cumprir obxectivos en 2024 e construír un certame moito mellor en 2025”, e convida a todo o mundo a desfrutar dunha experiencia gastronómica única: “en Poio agardámosvos cos brazos abertos e a mesa posta”
A praza do Mosteiro, en San Xoán, foi escenario este xoves da presentación da segunda edición de TapeaPoio, o certame de tapas do municipio, que se celebrará do 2 ao 18 de maio en 20 establecementos repartidos por todo o municipio.
Logo da extraordinaria acollida do pasado ano, TapeaPoio 2025 volve “para quedar”, con máis días, máis tapas, máis participantes, maiores premios para restauradores e clientes, e importantes novidades.
“Unha fantástica resposta do sector a unha iniciativa que xurdiu para poñer en valor a calidade e variedade da oferta gastronómica que temos en Poio, para seguir promocionando o noso concello como destino, para aumentar a nosa proxección e, como non, para fomentar esa desestacionalización, supoñendo unha verdadeira oportunidade para todos”, sinalou o alcalde, Ángel Moldes, durante a presentación do certame, na que estivo acompañado da deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro, e do subdirector do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, CSHG, Luis Rial, en representación de Turismo de Galicia, xunto como entidades colaboradoras, así como da concelleira de Turismo, Rocío Cochón.

“Poio está hoxe no seu mellor momento, temos un concello vivo, dinámico, atractivo… e propostas como o TapeaPoio son un apoio decidido para o sector hostaleiro, pero tamén para encher de vida as nosas rúas. Este TapeaPoio vén para quedarse, para converterse nun evento fixo no calendario de veciños e visitantes, un reclamo para que percorran o noso concello deleitándose da fantástica oferta gastronómica que temos. Si o primeiro TapeaPoio foi un éxito, esta segunda edición será extraordinaria”, engadiu.
Tamén participaron na presentación tres dos catro integrantes do xurado experto que se incorpora nesta edición: os chefs Xosé Cannas, do restaurante Pepe Vieira, en Raxó, e Pepe Solla, do restaurante Casa Solla, en San Salvador, e a socia fundadora de Salmoira, a poiense Marga Pazos. Excusou a súa ausencia o cuarto membro, o influencer especializado en viaxes e gastronomía Alberto Ribas, responsable do Blog “Alvientooo”.
A presentación contou ademais coa presenza dunha ampla representación dos 20 establecementos participantes este ano, o dobre que na primeira edición, e das empresas colaboradoras, grazas a cuxa aportación o importe dos premios para restauradores e clientes ascende este ano a 7.500 euros, case 2.000 euros máis que en 2024.
A edil Rocío Cochón quixo agradecer de corazón “a implicación de todos e a gran resposta do sector e do público na primeira edición”. “Cumprimos con creces obxectivos como o de reivindicar a calidade e a diversidade da oferta gastronómica de Poio, fomos quen de dinamizar e diversificar a hostalaría e o turismo fóra da tempada alta e, sobre esa base podemos agora construír un certame aínda mellor, aplicando algunhas suxestións e ideas aportadas polo propio sector”, como a ampliación das datas, a incorporación dun xurado que outorgará premios a maiores dos concedidos polo público, e a posibilidade de concorrer en dúas modalidades: tradicional e creativa.
As tapas volverán ter un prezo único de 4 euros en cada un dos 20 establecementos adheridos. Tras degustalas, os clientes poderán votar por cada unha delas, puntuándoa de 1 a 5, mediante un código QR exclusivo de cada local ou depositando unha papeleta nunha urna situada en cada local ao efecto. Só será válido un voto por persoa e tapa.
O xurado experto tamén valorará cada unha das tapas segundo diferentes criterios. Na modalidade creativa, ponderaranse os valores de innovación, técnica, presentación e orixinalidade, mentres que na tradicional, valorarase o uso de receitas tradicionais, a utilización de produtos de proximidade e a cercanía á identidade gastronómica galega.
A partir do día 18, recontaranse os votos do público e as valoracións do xurado para determinar as mellores tapas de cada modalidade. O xurado outorgará un premio á mellor tapa tradicional e outro á mellor tapa creativa. A tapa con máis votos do público de cada modalidade recibirá o primeiro premio do público á mellor tapa tradicional ou creativa. Ademais, entregarase un segundo premio do público en cada modalidade á tapa coa segunda mellor valoración, en modalidade creativa ou tradicional. Todos os premios para os restauradores son aportados pola empresa Froiz.
En resumo, os restauradores poden optar a catro primeiros premios, xurado tradicional e creativa e público tradicional e creativa, consistentes nun cheque de 600 euros en produtos do “Cash Froiz”, a canle da distribuidora para os profesionais. O premio para o segundo clasificado en valoración do público en cada categoría recibirá un cheque de 300 euros, tamén canxeables por produtos no Cash Froiz. Ademais, os vinte restauradores recibirán unha placa de recoñecemento.
Ao rematar o certame, tamén se sortearán premios entre as persoas que degusten e voten a súa tapa favorita. Estes premios están valorados en preto de 3.500 euros e inclúen menús degustación nos restaurantes Pepe Vieira e Casa Solla, cestas de Supermercados Froiz, Estuches Gourmet de Conservas Pescamar, Pasaxes en Cruceiros Pelegrín e Navieira Mar de Ons, bonos de estancia e almorzo en varios aloxamentos do municipio, 500 vales para comprar nos establecementos da Asociación de Comerciantes EnPoio e cheques de combustible e servizos ao automóbil por valor de máis de 1.000 euros.
Todos os premios se entregarán nun acto que se celebrará o 2 de xuño no Pazo de Colón e que desde o Concello de Poio aspiran a que se consolide como unha “auténtica Gala da Gastronomía”, na que “facer protagonistas e poñer en valor ás persoas que fan de Poio, desde hai tempo, o gran referente gastronómico das Rías Baixas, por non dicir de Galicia”.
Cochón rematou agradecendo a xurado, colaboradores e restauradores facer posible por segundo ano que Poio se sitúe aínda máis no epicentro da gastronomía galega, e instou a todo o mundo a achegarse a Poio e degustar as 24 deliciosas tapas: “Durante estes 17 días, de San Salvador a San Xoán, Combarro, Samieira e Raxó; do rural á terraza xunto ao mar; do casco urbano ao casco histórico, os que nos visitedes poderedes desfrutar dunha experiencia gastronómica única… e repetir o resto dos 365 días do ano. Aquí en Poio agardámosvos cos brazos abertos, e a mesa posta!”.

ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES E AS SÚAS TAPAS:
Os 20 establecementos participantes ofrecerán un total de 24 tapas -11 en modalidade creativa e 13 en modalidade tradicional- a un prezo único de 4 euros cada unha.
- Bar Coral (Raxó), coa tapa “O Corvo viste de Millo” na modalidade tradicional.
- Bodega O Bocoi (Combarro), con “Guiso de Parrochiñas con Millo” na modalidade tradicional.
- Café-Bar Aquelo (A Seca – San Xoán), coa tapa “Paté de Mar” na modalidade tradicional.
- Cafetería Ferreti (Raxó), coa tapa “Burger Morriña” na modalidade creativa.
- Casa Angelita (Lourido – S. Salvador), con “Proxecto de Mar no Padal” na modalidade tradicional.
- Casa Ces (Porteliña – S. Salvador), que ofrece dúas tapas: “Filloa de mar”, na modalidade creativa, e “A Gula do Xabaril” na modalidade tradicional.
- Cervecería-Tapería Amura (Raxó), coa tapa “Sabores da Terra” na modalidade tradicional.
- Chegar E Encher (San Xoán), coa tapa “Callos do Avó Ramón”, na modalidade tradicional.
- El Barril (Combarro), con dúas creacións: “Cóctel do mar (camarón)” en modalidade creativa e “Croqueta do mar” en modalidade tradicional.
- La Espuela Combarro (Combarro), tamén con dúas tapas: “Delicias do Mar” na modalidade creativa e “Mar e Terra” na modalidade tradicional.
- Mirabous (Combarro), coa tapa “Barry Bacon Boom” na modalidade creativa.
- Eirado Das Margaridas (Liñares – S. Xoán), cun “Falso Tomate Escalfado (umami)”, na modalidade creativa.
- Novo Lar De Expósito (Samieira), coa tapa “Delicias de Polbo á Feira”, na modalidade creativa.
- Peirao (Combarro), cun “Dueto de Mexillón” na modalidade creativa
- Pinela Terraza (A Pinela – S. Xoán), coa tapa “Velas (Samosas de Sepia e Shitake)”, na modalidade creativa.
- Restaurante Entrepedras (Combarro), coa tapa “Cazoliña Rey”, na modalidade tradicional.
- Restaurante Evoca (Combarro), cunha tapa en cada categoría: “Batea Escabechada” en modalidade creativa e “Millo Corvo” na modalidade tradicional.
- Restaurante Lameiriña (Raxó), coa tapa “Delicias de Bacallau” na modalidade tradicional.
- Tintanegra (Combarro), coa tapa “Brioche de Rabo de Tenreira” na modalidade tradicional.
- Torna (Combarro), coa tapa “Ceviche Marino” na modalidade creativa.
Toda a información sobre o certame en tapeapoio.gal