Cinemóbil nº3 na Praza da Peregrina | © Zoom Pontevedra

O Teatro Principal de Pontevedra amosa esta fin de semana a obra cinematográfica de José Gil, pioneiro do cinema galego

10 Outubro 2023

  • Venres e sábado poderase visitar a exposición sobre a vida de José Gil no Cinemóbil nº3 que estará situado diante do Teatro Principal, así como ver proxeccións da época e do cinema galego. Todas de balde
  • A Banda de música de Salcedo colabora o sábado na sesión vermú achegando a vida de José Gil a través da música, e o autor Manolo González presentará o seu libro Nos días encantados de agosto

O Teatro Principal acolle esta fin de semana o proxecto ‘Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema’ co que colabora o Concello de Pontevedra a través da Concellaría de Cultura. Esta mañá presentouse o proxecto na praza da Ferraría onde se estacionou o Cinemóbil nº3, unha recreación do camión “Cinemóvil” de José Gil, (As Neves 1870 – Vigo 1937), fotógrafo e director de cine que participou na orixe do cinema e realizou máis de 150 filmes entre 1910 e 1935, especialmente no sur de Galiza.

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, presente na presentación explicou que o proxecto amosa “un país moderno, con industriais que, ademais de artista e cineasta, tiña o concepto do cine como industria”. Recordou que o homenaxeado “chegou a poñerse en contacto con Henry Ford, a exhibir unha película de Harold Lloyd ou de gravar o país que tiñamos diante. Esa Galiza potente, puxante, que avanza é o que recolle esta exposición e este proxecto”. Demetrio Gómez amosouse encantado de colaborar co proxecto que recupera a memoria de José Gil e gabou o entusiasmo e cariño dos seus promotores.

‘Pontevedra, provincia de cine’ arranca este venres, 13 de outubro cunha visita ao Cinemóbil nº3 para os veciños e veciñas que estará situado no exterior do Teatro Principal entre as 18:00 e as 20:00 horas. A partir desa hora o Teatro acolle as seguintes proxeccións abertas a todo público:

  • 20′ ‘Vertixe‘ de Harold Lloyd (1921)
  • 6’ ‘Kin auto Race at Venice’ (1914). A primera aparición de Charlot
  • 5′ ‘Antoloxía’ de imaxes dos filmes de José Gil

E o Ronsel de José Gil coas curtas:

  • 12′ ‘O carro e o home’ de Antón Román (1942)
  • 20′ ‘Mamasunción’ de Chano Piñeiro (1984)
  • 13′ ‘Ser e voltar’ de Xacio Baño (2014)

O sábado, 14 de outubro, de 10:00 a 12.30 horas haberá unha visita guiada ao cinemóbil por parte do escritor Manolo González e Ignacio Vilar. De 12.30 a 13:00 horas presentarase o libro ‘Nos días encantados de agosto’ de Manolo González, da Editorial Galaxia. E, entre as 13:00 e as 14:00 horas haberá unha sesión vermú na que a Banda de música de Salcedo achegará á vida de José Gil a través da música.

Finalmente, o luns 16 de outubro, haberá actividades e proxeccións para os centros de ensino do concello.

Máis información sobre os vínculos de José Gil con Pontevedra https://josegilcinema.gal/a-xira/pontevedra/

Está pasando!