María Casares | @ Wikimedia Commons

A Deputación de Pontevedra celebrará no Castelo de Soutomaior o centenario do nacemento de María Casares

21 Novembro 2022

Co gallo do centenario do nacemento de María Casares (A Coruña, 21 de novembro de 1922), unhas das nosas grandes figuras do teatro e das artes escénicas, a Deputación de Pontevedra celebra un acto o próximo martes 22 de novembro ás 11:00 horas no Salón do Tapiz do Castelo, no que a actriz Paula Sanmartín, caracterizada de María Casares, interactuará co público e ofrecerá un monólogo, acompañada polo pianista Martín Rigz (Martín Rodríguez), que coa súa música de fondo evocará o ambiente musical dos bares da época en París, onde Casares viviu e traballou.

Despois, plantarase no xardín a nova camelia María Casares. A “grandísima e recoñecidísima” actriz galega, terá unha camelia co seu nome no Xardín de Camelias con Nome de Muller do Castelo de Soutomaior.


Presentación da camelia ‘María Casares’ | © Deputación de Pontevedra

Trátase dun exemplar de xapónica de cor rosa cun tamaño de pequeno a mediano. Foi orixinada por Begoña Franco no terreo do Chazo en Boiro, A Coruña, a partir dunha semente de camelia xapónica. A súa floración é moi temperá e duradeira, comeza en outubro e esténdese ata maio. A  flor da actriz será a novena camelia no xardín con nome de muller do Castelo, sumándose aos nomes de María Vinyals, Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Jane Andresen, Juana de Vega, Jimena Fernández de la Vega,  Sofía Novoa e Bella Otero.

Confirmación de asistencia no 986 804 100 ou en participa.cultura@depo.es


Paula Sanmartín (Bueu, 1979) é unha autora escénica, actriz e investigadora nas áreas da filosofía e da performance que actúa desde a periferia das artes de forma multidisciplinaria. O seu traballo, de vocación independente, desenvólvese maiormente entre o Brasil e Galicia, entre a televisión e o teatro, entre o cabaré e a poesía.

Deste continuo ser en tránsito xorde o selo de producións escénicas Teatro En-Trance, un espazo con abertura de linguaxes para o teatro-meditación e o teatro-festa, co que produciu e estreou as pezas Desvío, A fada verde, Pulso e B-Ufo.

Actualmente realiza un traballo de investigación que se centra no pensamento decolonial indíxena e nas artes vivas na Universidade de Santiago de Compostela, e está en proceso de crear a nova peza do Teatro En-Trance, Angelus New, que se inspira na pintura Angelus Novus, de Paul Klee, e no pensamento de Walter Benjamin.


Martín Rigz (Martín Rodríguez) é un artista vigués da escena actual. Músico, bailarín e amante das artes escénicas en xeral, creceu rodeado de música de todos os xéneros. Canta, toca a guitarra, o baixo, a batería, a trompeta… pero a súa paixón é o piano.

Posúe as titulacións de Técnico Profesional de Piano Clásico e Técnico Superior de Piano Jazz. É pianista acompañante de diferentes artistas, coma Sabela Cereijo ou Antía Caride, e membro activo da escena galega do jazz, ademais de integrante dos grupos The Hendersons Play The Beatles, San Rockers e Trasnos. Tamén é técnico de gravación, mestura e masterización en MyWindow Estudios, e o fundador do proxecto musical “Planeta Marte”.

Está pasando!