O XXIII Memorial Ricardo Portela regresa este venres cunha completa programación que leva a tradición até as rúas da cidade de Pontevedra

14 Xullo 2022

  • O programa, promovido polo Concello de Pontevedra, inclúe a XX Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais e os concertos de Carapaus e Caamaño & Ameixeiras, entre outras propostas e actuacións
  • Este ano, serán homenaxeadas as figuras de Maruxa Miguéns e Xosé Romero, parella de músicos e pioneiros da música tradicional galega e fundadores do mítico grupo Os Rosales

A praza da Ferraría volverá ser o epicentro da programación do Memorial Ricardo Portela, que este ano celebra a súa XXIII edición, contemplando este ano unha homenaxe a Maruxa Miguéns e Xosé Romero.

A cita logra levar a música tradicional galega até as rúas da cidade, ao tempo que rememora a figura do gaiteiro de Viascón, a través de diferentes actividades e actuacións que enchen de melodía e percusión as diferentes horas do día, desde a mañá á noitiña, entre o venres 15 e o domingo 17 de xullo.

Así, o venres 15 de xullo, ás 17.30, os pasarrúas de Dúo Alvariño, Gaiteiros das Rías Baizas, Millarancos e Par de Par percorrerán á vila e as súas prazas. Ás 21 horas, a primeira xornada verá a súa fin co concerto de Volta e Dálle.

O sábado 16 de xullo, xa pola mañá soarán as gaitas e o bombo da man de Boas Pécoras, Cuarteto de AC Abertal, Os enxebres de Cacheiras e Os Erdeiros dos Morenos de Lavadores. A partir das 11.30 horas, polas diferentes prazas e rúas da cidade. Os mesmos artistas farán unha nova sesión de pasarrúas a partir das 18 horas.

Tendo en conta as previsións meteorolóxicas, a edil de Festas Carme da Silva lembra que as diferentes actuacións a pé de rúa evitarán as horas con máis calor do día e os puntos onde o sol máis moleste segundo a hora, ademais, o Concello lembrará a todos os músicos que procuren hidratarse e tomen os descansos que precisen.

Ás 21 horas, tamén polas rúas e as prazas da cidade, será realizada a homenaxe a Maruxa Miguéns e Xosé Romero, namentres que as 21.15 horas, na praza da Ferraría, será iniciado o concerto de Carapaus.

Na última xornada, o domingo 17 de xullo, Bailai Malditos, Cantigas e Frores; Meiró e Turoqva pasearán e animarán coa súa música a visitantes e veciñanza, primeiro ás 11.30 horas e logo ás 18 horas. Caamaño & Ameixeiras ofrecerán o seu concerto na praza da Ferraría ás 21 horas.


Xosé Romero e Maruxa Miguéns | © Editorial Canela

No referido á homenaxe anual, Xosé Romero Suárez naceu en 1930. Aos 5 anos xa mostraba interese pola gaita e fabricouse una cun anaco de caña e unha vexiga de porco. O seu pai recoñeceu axiña o seu talento e comproulle unha. Aos 10 anos xa fundou o grupo “Aires da Nosa Terra” xunto a Ramón Carou, Afonso Romero e Vicente Carou. Pero en 1950 o servizo militar obrigounos a aparcar os instrumentos. Dous anos despois, el coa súa gaita e Afonso co seu bombo únense a Francisco Iglesias (gaita) e Che Novoa (tambor) e fundan “Os Rosales”.

Ese mesmo ano, Xosé namora da que será a súa muller, Eclíptica Orbita (Maruxa Miguéns), que entón ten dezaseis e coa que casará en 1955. En 1962 Afonso lesionase nun brazo ao caer dun escenario nunha verbena. Imponse entón a necesidade de buscar un substituto para cumprir cos compromisos de varias actuacións, é aquí cando Maruxa entra na formación, aínda que xa demostrara a súa valía coa percusión nos ensaios: debutou na festa do Rosario, na parroquia de Leiro. Ela presentaba as actuacións, introducía os temas, cantaba e encargábase da imaxe do grupo, confeccionando e amañando os traxes. Para entón, a parella xa creara escola no seu fogar: en 1963 incorporase ao grupo o seu fillo de 6 anos, Pepe Romero (actual director da banda Suevia de Porto do Son), que chega para quedarse tocando o tambor; en 1972 faino o seu fillo Mario e, en 1983, a súa filla Sandra. Os tres son gaiteiros na actualidade.

Por último, sinalar que a mostra de artesanía deste 2022 contará coas mans e o talento de Afonso Castro, Alberto Pires, Cesar Loureiro, Iago Salgado, Lorena Reinaldo, Luís Martíns, Master Gaita, Nebra, Oli Xiráldez, Queima, Tunhas e Xaneco.


Está pasando!