‘Noso’ de Os Náufragos | © Claudia L. Franco Fernández

Os Náufragos achegan a súa nova dramedia ‘Noso’ á Sala Ártika esta fin de semana

18 Marzo 2024

A Sala Ártika de Vigo, acollerá o sábado 23 e domigo 24 de marzo ás 20:00 horas, a dramedia familiar ‘Noso’ da compañía Os Náufragos Teatro, destinada a público adulto.

Dirixida por Gustavo del Río e protagonizada por Daniel Otero, María Roja, Rebeca Vecino, Jimmi Núñez e Sete Eiroa, sobre o escenario os espectadores gozarán dunha historia de familia e de cambios entre as distintas xeracións, pero tamén da sostibilidade a través do social. Que pensamos que ocorre coa xente que se queda nese rural e sofre o tema dos eólicos?

A historia de ‘Noso’ desenvólvese nun vello ultramarinos-bar que, noutrora, foi punto de encontro habitual da veciñanza dunha pequena aldea galega. Un enclave afectado hoxe polo imparable avance dun parque eólico.


‘Noso’ de Os Náufragos | © Claudia L. Franco Fernández

Nicolás reúne a súa familia para despedirse do espazo que lles viu crecer, a casa da infancia cun vello ultramarinos bar que rexentaban os seus pais e no que agora vive Nicolás con María, a súa parella. A expropiación dese lugar, por causa da construción dun parque eólico, é o motivo desta xuntanza. Olivia acode con Rubén despois de moitos anos sen contacto familiar.

As lembranzas do pasado, unha visita non esperada, as relacións entres irmáns, a necesidade de mirar ao futuro e a importancia do pasado fan de ‘Noso’ unha dramedia que fai visible o conflito xeracional e a pertenza do lugar onde vimos.

Entradas anticipadas á venda ao prezo de 11 euros + gastos de xestión en artikavigo.com (dispoñible ata 24 horas antes da primeira función) e a 15 euros na billeteira.



Sobre Os Náufragos Teatro

Os Náufragos Teatro é unha compañía teatral galega, afincada na Coruña, cun amplo percorrido ás súas costas por escenarios de toda a xeografía galega, así como no exterior.

Fortemente comprometida cun teatro de corte social, a compañía vén dando visibilidade nas súas producións, desde hai décadas, ás realidades dos colectivos máis vulnerables ou nas marxes, abordando temáticas como a discriminación por razón de identidade sexual, diversidade funcional, acoso escolar ou a violencia intrafamilar.
A compañía aposta polo talento creativo galego e, pese a tratar temas tan sensibles nas súas obras, tódalas súas pezas teñen unha clara vocación de proximidade co público, obtendo recoñecementos como o Premio María Casares 2022 a mellor espectáculo infantil (por HUGO).

Está pasando!