Fotograma de ‘Una pastelería en Tokio’ | Comme des Cinémas

Cinema gastronómico, novos talentos e Mercados Creativos para converter O Mercado de Abastos no “epicentro da cultura gastronómica” da Boa Vila

31 Xaneiro 2026

  • A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, debulla a axenda de actividades dende xaneiro ata maio, que inclúe un festival de cine inédito e un foro de cociña atlántica para consolidar a praza como epicentro cultural e culinario.
  • O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou este venres a segunda parte da programación do Mercado (logo do Nadal), unha aposta “contundente” e “intensa” que se estenderá ata o mes de maio.

Estas accións enmárcanse dentro do proxecto Pontevedra Capital Gastro, unha iniciativa financiada polos fondos NextGenerationEU a través do Plan de Sostenibilidade Turística en Destino (PSTD), que busca converter o Mercado no “epicentro da cultura gastronómica” da cidade e nun punto de referencia tanto para a veciñanza como para os visitantes.

A programación arranca mañá co regreso dos Mercados Creativos, unha fórmula inspirada na ‘Sétima Feira’ que combina a venda de produtos co lecer. Nesta primeira xornada, baixo a temática da “ilusión”, participarán 30 expositores de artesanía e deseño galego.

A xornada completarase cun obradoiro infantil de creación de variñas máxicas e unha sesión vermú a cargo do grupo El Cuarto de Tula, fomentando a idea de facer a compra de frescos na planta baixa e gozar do lecer na primeira.

Esta iniciativa repetirase en datas sinaladas como o 14 e 28 de febreiro, 14 e 28 de marzo, e 11 e 25 de abril.

Como gran novidade e experiencia piloto, Gulías anunciou a posta en marcha dun festival de cinema gastronómico que contará con 12 sesións entre o 3 de febreiro e o 10 de maio. Esta actividade propón unha experiencia inmersiva: as primeiras 30 persoas recibirán unha degustación vinculada ao filme, seguida da proxección e dun coloquio posterior con restauradores locais.

Establecementos como As Greas, Umani Poke ou Casa Román colaborarán nestes coloquios. A xeito de exemplo, a edil adiantou que na sesión da película “Una pastelería en Tokio” ofrecerase un pastel cun viño e o debate posterior será conducido por As Greas e Umani Poke.

Outro dos piares da programación será o Foro de novos talentos da cociña atlántica, que se celebrará do 5 de febreiro ao 6 de marzo. En colaboración coa escola Carlos Oroza, este ciclo incluirá charlas, showcookings, música e catas comentadas da D.O. Rías Baixas.

Entre os eventos destacados, o 5 de febreiro terá lugar unha charla “inspiradora” con Antonio Novas, do restaurante Trasmaio, e un concurso onde novos chefs realizarán demostracións culinarias con produtos de tempada.

A concelleira lembrou que todas estas actividades son posibles grazas ao financiamento europeo e convidou á cidadanía a consultar as redes sociais e a web do Concello para coñecer en detalle as datas e inscricións das actividades.

O proxecto Pontevedra Capital Gastro está incluído dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra valorado en 2 millóns de euros.

Este plan local forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral de Galicia. Os fondos dos que se benefician ambolosdous plans, foron distribuídos polo Ministerio de Industria y Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.

Está pasando!