Pontevedra mergúllase no Nadal cun calendario festivo que mestura animación, ocio, música e lecer

13 Decembro 2022

  • Barrios e parroquias terán unha programación de seu, que inclúe contacontos, números de maxia e actuacións teatrais
  • A Cabalgata de Reis recupera o seu esplendor e verá ampliado o seu percorrido logo do parón derivado da crise sanitaría

Pontevedra vivirá un Nadal entre o ocio, a cultura e o lecer colectivo. A crise sanitaria provocada pola pandemia queda atrás e a cidade recupera as festas tal e como as lembraba, entre apertas e reencontros, ademais de sumar toda unha programación festiva que se move entre a animación de rúa, a posibilidade de gozar de citas únicas nos barrios e nas parroquias, e a volta e ampliación da Cabalgata de Reis. É tempo de Nadal!

Así, o Nadal de Pontevedra terá un efecto especial nas rúas a través das múltiples propostas promovidas desde a concellaría de Festas. Dunha banda, o Poboado de Nadal da Praza da Ferraría, instalado entre o 16 de decembro e o 7 de xaneiro, será a porta de entrada a unha decoración de conto, ideal para as fotos e para os retratos familiares, contando nesta ocasión con varias casetas de distintas asociacións locais. A apertura deste Poboado coincide coa inauguración da iluminación de Nadal, que será realizada na Praza do Concello ás 18:00 horas.

Doutra banda, a animación de rúa será unha constante ao longo das vindeiras datas. Entre o 17 de decembro e o 4 de xaneiro a Boa Vila contará cun máis dunha ducia de citas que van desde obradoiros de música a sorpresas para a cativada en forma de apalpadoriños, trasnos ou rondallas polo centro histórico. Previa chegada das Maxestades de Oriente, tamén haberá os tradicionais Cantos de Reis, cun percorrido polas diferentes prazas da cidade —Liberdade, San Xosé, rúa Oliva, Peregrina, Daniel de la Sota, Ferraría e Curros Enríquez—. Tamén está previsto a celebración do Concerto de Nadal de Xeración Sónica, o 23 de decembro, ás 19 horas, na Praza de Ourense.

Cómpre lembrar que na praza do Concello estará instalado o XX Pontenadal, a feira de artesanía e agasallo promovida pola agrupación Zona Monumental, entre o 16 de decembro e o 5 de xaneiro —pechará os días 25 de decembro e 1 de xaneiro por descanso—, cun horario de 11:00 a 14:00 horas, e de 17:00 a 21.30 horas —agás os días 24 e 31 de decembro que pechará unha hora antes—. Este espazo acada as dúas décadas de vida ofrecendo ideas orixinais para agasallar nestas datas, amosando un produto artesán local e de calidade.

Así mesmo, os centros culturais do municipio contarán cunha programación de seu que permitirá a todas as parroquias e barrios da cidade contar con algunha cita festiva que anime estas datas, en forma de maxia, teatro e música.

Deste xeito, haberá seis actuacións distintas que se irán distribuíndo e programando entre os diferentes centros culturais creados polo Concello de Pontevedra, localizados en Verducido, Monte Porreiro, A Canicouva, Marcón, Ponte Sampaio, Estribela, Lérez, Ponte Muíños, O Salgueiral-Bora, Reiriz-Alba, Tomeza, A Devesa-Alba, O Gorgullón, Santa María de Xeve, Centro Sur, Cons-Mourente, Os Campos-Mourente, Santo André de Xeve, O Burgo, Campañó, Centro Leste e Salcedo.

Estas actuacións serán a ‘Abordaxe Pirata de Nadal’, ‘Pedro Volta. Un Mago na Lúa’, ‘Momentos Máxicos’, ‘Soño’, ‘Cantaconto’ e ‘Cantaxogo’.

Como un dos puntos álxidos desta programación de Nadal, A Cabalgata de Reis, recupera a normalidade logo do parón derivado da Covid-19 e verá ampliada o seu percorrido, ao partir da Avenida de Lugo; desde alí partirá cara Loureiro Crespo e atravesará Benito Corbal, a praza da Peregrina, Michelena, a praza do Concello e finalizará na Alameda.

Unhas horas antes, o Concello realizará a tradicional recepción oficial no Pazo de Mugartegui aos Reis. Ás 11:00 horas do 5 de xaneiro, antes de que comecen a súa viaxe por multitude de fogares.


Está pasando!