Entroido Pontevedra 2022 | Cartel creado por Santi Paredes

Pontevedra retoma o seu Entroido cunha programación a pé de rúa que mestura ocio, tradición e cultura

18 Febreiro 2022

  • O loro Ravachol volve ser o protagonista do cartel deste ano, creado polo artista pontevedrés Santi Paredes
  • As Xornadas sobre o Entroido de Galiza terán como sede a igrexa de Santa Clara, que volverá funcionar de novo como un espazo cultural e divulgativo

O Entroido quere volver ser algo máis que unha palabra. Pontevedra entrará de novo en festas a partir do venres 25 de febreiro, con varios días cargados de actividades por diante, entre disfraces, animacións na rúa e sentir popular.

Logo de non poder ser celebrado o ano pasado, logo dun ano sen Ravachol poder ser velado, a Boa Vila recupera a posibilidade de honrar a memoria do loro máis coñecido da cidade, que non desfilará polas rúas da cidade, mais si será exposto desde o día 28 de febreiro, luns, até o seu encontro co lume, o sábado 5 de marzo, na praza do Concello. A veciñanza e os visitantes da cidade poderán velalo ao longo de varios días, presentar os seus respectos e finalmente acompañalo até que o seu corpo acabe convertido en cinza.

Ravachol, ademais, é o gran protagonista do cartel do Entroido deste 2022, cartel deseñado polo artista pontevedrés Santiago Paredes Cruz, que logrou dar vida a un Ravachol que aínda habita no niño, mais xa logra posar con espada de madeira na man e gorro de papel sobre a cabeza.

Sexa como for, a programación deste Entroido 2022 ocorrerá en boa medida na rúa, enchendo de actividades diferentes puntos da cidade. Alén dos clásicos pasarrúas e charangas, Pontevedra será testemuña da representación de entroidos tradicionais xunto coa recreación da botica de Perfecto Feijoo, que contará cunha ambientación de seu. A Boa Vila tamén recupera o concurso de Murgas no Pazo da Cultura, que alcanza a súa 30ª edición este ano, e que combinará humor, música e moita retranca —vivirá a súa final o xoves 3 de marzo—. Tamén serán realizados diversos obradoiros de Entroido, de xogos e de disfraces, en diferentes puntos da vila, como as Palmeiras, Campolongo ou Curros Enríquez. Será esta mesma praza o espazo elixido o 1 de marzo para o desembarco da tripulación do Burla Negra no centro histórico, que invita a gozar do noso lado máis pirata ao longo da tarde.

Todo comezará o venres 25 de febreiro, coa recepción das autoridades a Urco, rei do Entroido, quen chegará a Pontevedra acompañado do seu séquito, para a continuación pasar á lectura do pregón a cargo do Equipo Ja.

Por último, no eido cultural, as Xornadas sobre o Entroido de Galiza aportarán diversas visións sobre unha das tradicións máis seguidas, particulares e importantes do país, a través dunha serie de conferencias, mesas redondas e presentacións divididas en dous días, o venres 11 e o sábado 12 de marzo. Todas elas terán como sede a igrexa de Santa Clara, que volver funcionar como un espazo cultural e de divulgación trala súa conversión nun espazo público e municipal.


Cartel do Entroido Pontevedra 2022 creado por Santi Paredes

 PROGRAMA 

VENRES 25 DE FEBREIRO

  • 21.00 horas – Praza da Ferraría. Recepción das autoridades a Urco, rei do Entroido, quen chegará a Pontevedra acompañado do seu séquito. Lectura do pregón a cargo do Equipo Ja.

SÁBADO 26 DE FEBREIRO

  • 11.00 horas. Pasacalles Charanga OT.
  • 12.00 horas – Praza de Barcelos. Obradoiros de Entroido.
  • 17.00 horas – Rúa da Serra. Obradoiros de xogos e disfraces.
  • 17.00 horas. Pasacalles Charanga OT.
  • 17.30 horas. Representación de entroidos tradicionais, pasacalles polo centro histórico do Entroido de Samede.
  • 18.00 horas. Representación de entroidos tradicionais: pasacalles Folión Labregos de Trives.
  • 19.00 horas. Batucada Olodum do Coio.

LUNS 28 DE FEBREIRO

  • 17.00 horas – Parque das Palmeiras. Obradoiros de Entroido.
  • 17.00 horas – Praza de Curros Enríquez. Obradoiros de xogos e disfraces.
  • 17.30 horas. Batucada Olodum do Coio.
  • 18.00 horas. Charanga Loudband.
  • 19.30 horas – Praza da Peregrina. Presentación do loro Ravachol. Recreación da botica de don Perfecto Feijoo. Actuación: Comando Foucellas
  • 21.00 horas – Pazo da Cultura. 1ª eliminatoria do XXX Concurso de Murgas.

MARTES 1 DE MARZO

  • 17.00 horas – Campolongo. Obradoiros de Entroido.
  • 17.00 horas – Praza de Curros Enríquez. Día Pirata. Desembarco da tripulación do Burla Negra no centro histórico. Amosa o teu lado pirata! Únete ao Pirata da Moureira! Asociación Combrus, Troula e Vamos a Todo.
  • 18.00 horas. Charanga Os Atrevidos.

MÉRCORES 2 DE MARZO

  • 17.00 horas – Praza da Ferraría. Obradoiros de Entroido.
  • 18.00 horas. Charanga Europa.
  • 19.00 horas – Praza da Peregrina. Recreación da botica de don Perfecto Feijoo. Ambientación a cargo de persoeiros relevantes da época na cidade. Actuación: Comando Foucellas.
  • 21.00 horas – Pazo da Cultura. 2ª eliminatoria do XXX Concurso de Murgas.

XOVES 3 DE MARZO

  • 18.00 horas. Charanga BB+.
  • 21.00 horas – Pazo da Cultura. Final do XXX Concurso de Murgas.

VENRES 4 DE MARZO

  • 17.30 horas. Charanga Bicoia.
  • 18.00 horas – Praza de España. Festa de Entroido infantil: Uxía Lambona e a Banda Molona, un Día de Circo.

SÁBADO 5 DE MARZO

  • 12.00 horas – Praza da Peregrina. Recreación da botica de don Perfecto Feijoo. Charanga Boa Vila e Os Alegres
  • 20.00 horas – Praza de España. Queima do loro Ravachol.

 XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA 

VENRES 11 DE MARZO

  • 18.30 horas. Apertura das xornadas.
  • 18.40 horas. Presentación do caderno “O Entroido de Doade”, por Rafael Quintía .
  • 19.00 horas. Conferencia “Periódico O SIL: 25 anos poñendo en valor a cultura do Entroido de Galicia”, por María Ángeles Rodríguez Yáñez.
  • 19.50 horas. Conferencia “Os peliqueiros e o Entroido perdido de Rebordechao: o lugar de conexión entre os felos e os peliqueiros”, por Nieves Amado.
  • 20.45 horas. Mesa redonda e coloquio cos relatores.

SÁBADO 12 DE MARZO

  • 18.40 horas. Presentación do libro Damas e ghaláns no entruido de Nergha, por Guillerme Ignacio Costa.
  • 19.00 horas. Conferencia “Entroido de Sande: tras da máscara de arame e as plumas de ave”, por Mónica Vázquez e Antonio Sousa.
  • 19.50 horas. Conferencia “Máscaras da Península Ibérica”, por Óscar González.
  • 20.45 horas. Mesa redonda.
  • 21.00 horas. Clausura das xornadas.


 BASES DO CONCURSO DE MURGAS 

Deben estar compostas por un número mínimo de cinco persoas e un máximo de vinte e terán que ir acompañadas de calquera tipo de instrumento.

Aquelas que desexen participar deberán realizar a súa inscrición no Servizo de Cultura (rúa dos Churruchaos nº 2, 1º andar) dende o día seguinte á publicación das bases da convocatoria no BOP ata as 12.00 horas do sábado 26 de febreiro, presentando copia dos DNI dos integrantes da murga.

Os/as integrantes de cada murga só poden participar única e exclusivamente nunha.

A orde para a interpretación das cancións de cada unha das murgas quedará establecida mediante un sorteo que se celebrará o sábado día 26 de febreiro, ás 12.00 horas, no Servizo de Cultura (rúa dos Churruchaos nº 2, 1º andar) ao que debe asistir un representante de cada murga.

O tempo destinado a cada actuación é de 30 minutos como máximo. Poderá ser inferior se cada murga o desexa así.

As cancións que se interpreten serán de temática libre e adaptadas ao estilo do Entroido. Valorarase a contribución humorística na actuación.

Cada murga recibirá un premio de 250 euros pola súa participación.

No caso de que a participación exceda de catro murgas, celebraranse dúas eliminatorias que terán lugar no Pazo da Cultura o luns día 28 de febreiro e o mércores día 2 de marzo ás 21.00 horas, a final será o xoves 3 de marzo ás 21.00.

Calquera aspecto non contemplado nestas bases resolverao o xurado. O feito de presentarse ao concurso supón a aceptación destas bases e mais a conformidade coa decisión do xurado, que será inapelable.

PREMIOS:

  • 1º PREMIO: 1.200€
  • 2º PREMIO: 1.050€
  • 3º PREMIO: 900€
  • 4º PREMIO: 750€
  • 5º PREMIO: 400€
  • PREMIO POR PARTICIPAR: 250€

 EXPOSICIÓN 

Un percorrido polo Entroido de Pontevedra (1985-2020). Do venres 25 de febreiro ao sábado 5 de marzo. Paseo de Antonio Odriozola.


 XORNADAS GASTRONÓMICAS 

Distintos establecementos hostaleiros ofrecerán degustacións e menús típicos do Entroido. Coa colaboración do centro comercial urbano-zona monumental.


DESCARGAR PROGRAMA EN PDF

VER AXENDA EVENTOS ENTROIDO

Está pasando!