Anabel Gulías e Erea del Río | © Concello de Pontevedra

Pontevedra volverá lembrar a José Martí polo 170º aniversario do seu nacemento cun acto-homenaxe na praza que leva o seu nome

27 Xaneiro 2023

A actividade, promovida pola Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, contará coa presenza da cónsul de Cuba na Galiza, Annabel Lafargue Wilmoth, dúas intervencións poéticas, unha ofrenda floral e rematará cunha actuación musical


A concelleira Anabel Gulías, acompañada de Erea del Río, presentou esta mañá o acto de homenaxe a José Martí polo 170º aniversario do seu nacemento, que organiza a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil.

A actividade terá lugar mañá, sábado 28 de xaneiro, ás 12.30 horas, na praza de José Martí, ao final da rúa Santa Clara con Cobián Roffignac. «É curioso e, mesmo incríbel, como algúns grandes pensadores políticos de todos os tempos son esquecidos. Cremos que é de xustiza, desde o Concello, colaborar cunha das asociacións que manteñen na memoria e na actualidade esa actividade de difusión tan necesaria como é a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil», sinalou Gulías.

Tal e como indicou a edil, o acto non só contará coa participación da nomeada institución local e da asociación, senón que tamén participará a cónsul de Cuba na Galiza, Annabel Lafargue Wilmoth, e serán realizadas dúas intervencións poéticas da man de Charo Lopes e Xosé María Álvarez Cáccamo. «Cómpre sempre celebrar o pensamento crítico, o pensamento pensado para crear sociedades mellores. José Martí foi un verdadeiro revolucionario a través da poesía e do seu radio de acción que procurou outros horizontes, horizontes que nós admiramos», finalizou a concelleira. O acto finalizará cunha actuación musical dos Gaiteiros das Rías Baixas.

Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, Erea del Río, agradeceu a colaboración do Concello á hora de promover esta homenaxe. «Xa hai seis anos encheuse o Teatro Principal cun acto moi sentido que evidencia as relacións históricas e culturais que seguen a unir o pobo galego co pobo cubano».

Está pasando!