Presentacións online, crear unha revista dixital, creación de wikis e impresión 3D, propostas da Aula CeMIT de Poio en marzo

29 Febreiro 2024

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, organiza para o mes de marzo sete cursos novos de habilidades dixitais coas que continuar ampliando a oferta formativa. Todas as actividades son gratuítas, e as inscricións para participar xa están abertas a través da páxina web https://cemit.xunta.gal, no correo cemit.poio@xunta.gal ou na propia Cemit.

En total, a aula de novas tecnoloxías ofrecerá este mes 50 horas de formación, que engloban desde preparar presentacións online, crear unha revista dixital, mercar de xeito seguro na rede, manexo de google drive, impresión 3D, creación de wikis e iniciación a un procesador de texto libre.

Ademais, calquera usuario que o desexe pode facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula a través da Aula Aberta, sempre con cita previa. As asociacións e colectivos locais teñen tamén a opción de poder reservar a utilización dos ordenadores para a realización de actividades.

CALENDARIO E HORARIOS

A primeira proposta do mes centrarase en aprender a preparar presentacións online, entre o luns 4 e o mércores 6, de 16.00 a 17.30 horas. O alumnado verá o manexo de diferentes aplicacións online para crear sinxelas presentacións online e interactivas coas que captar a atención do público e amosar rapidamente os puntos principais da exposición.

Crea a túa revista dixital, impartirase entre o 4 e 8 de marzo, en horario de 17.30 a 19.30 horas, e os asistentes coñecerán como confeccionar unha publicación dixital, seleccionando e preparando co contido, organizándoo e adaptándoo para a súa publicación.

O xoves 7, de 16.00 a 17.30 horas, realizarase o obradoiro Merca de xeito seguro na rede, para amosar as posibilidades das compras por internet e aprender a identificar as páxinas seguras.

Entre o luns 11 e o mércores 13, tamén de 16.00 a 17.30 horas, impartirase o curso Manexo de google drive, unha ferramenta que permite gardar información, compartir documentos e utilizar aplicacións totalmente online, sen necesidade de instalar ningún programa ou usar ordenador.

Do luns 11 ao venres 15 levarase a cabo o curso Iniciación á impresión 3D, no que se verá u ouso e funcionamento destas impresoras, unha tecnoloxía que se está estendendo entre os usuarios e comeza a converterse en algo cotiá. O horario será de 17.30 a 19.30 horas.

Creación de wikis, para ver como funcionan e que se pode facer con elas, organizarase do luns 18 ao mércores 20, entre as 16.00 e as 17.30 horas.

Por último, o curso de Iniciación ao procesador de texto Libreoffice Writer impártese entre o luns 18 e o mércores 20 de marzo, en horario de 17.30 a 19.30 horas, e ofreceranse as ferramentas para crear e modificar un documento de texto, darlle un formato básico, gardalo e imprimilo.

Está pasando!