Presentación da festa de Producciones Mutantes | © Concello de Pontevedra

Producciones Mutantes presentará os seus dous videoclips para a banda americana Eagles of Death Metal no Teatro Principal de Pontevedra o 21 de setembro

21 Setembro 2023

Trátase dunha proxección especial, na que estará presente cunha videoconferencia o líder da banda, Jesse Hughes, e a actriz protagonista dos videoclips, María Roja


O concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, confirmou o pasado venres a data para a proxección dos dous videoclips que Producciones Mutantes creou para a banda norteamericana Eagles of Death Metal. O Teatro Principal acollerá a festa presentación o vindeiro xoves 21 de setembro a partir das 19:00 horas.

‘God of thunder’ e ‘It’s so easy’ son as cancións ás que a empresa pontevedresa lles puxo imaxe, todo aderezado cunha historia común entre ambos os dous videoclips e cun tratamento de westernespecial, se ben rodado en Pontevedra.

Gómez lembrou que a historia detrás desta colaboración entre Pontevedra e Estados Unidos vén de antes da pandemia, intre no que Producciones Mutantes decide por vontade propia facer o primeiro dos videoclips, peza audiovisual que chega até Jesse Hughes, que gosta do traballo realizado e confía á Gero Costas e Romina Doce (Producciones Mutantes) a creación dunha segunda peza.

Esta segunda peza tarda en chegar por mor da pandemia, mais finalmente foi realizada cando a banda pasou por terras galegas e agora é o momento de ver a luz. «É outra mostra do talento local, de como desde un recuncho do mapa podemos chegar e sorprender a todo o planeta. De como nomes internacionais nos escollen á hora de traballar», indicou o edil. «Vai ser unha cita divertida e interesante, estou convencido».

A festa-presentación contará coa presencia da actriz María Roja e do propio Hughes, que conectará en directo desde Estados Unidos vía telemática. A xuntanza continuará no Diaño Bar, na rúa Chariño. Na produción das pezas audiovisuais contouse coa colaboración de Ana Seoane, Culebra, Estudio 1917 e Faraon Grafics.


Está pasando!