Santa Clara preparada para acoller esta fin de semana aos visitantes que se acheguen a coñecer as escavacións arqueolóxicas e a súa historia

30 Novembro 2022

  • As xornadas de portas abertas de sábado e domingo estarán guiadas polos profesionais que participaron nas escavacións do convento
  • Será en horario continuado de 10.00 a 17.30 horas e a entrada será de balde
  • Proxectarase un vídeo sobre este ano da compra e disporán dun folleto que irá informando dos distintos fitos históricos de Santa Clara

O Concello de Pontevedra revista nestes días os detalles para as xornadas de portas abertas do Convento de Santa Clara previstas para esta fin de semana, 3 e 4 de decembro con motivo do primeiro aniversario da súa compra e da apertura ao público. Estas xornadas permitirán coñecer as sondaxes arqueolóxicas realizadas en boa parte da planta baixa do convento e no bosque. O horario de apertura será de 10.00 a 17.30 horas, en horario continuado ambos os dous días. A entrada será de balde e sen inscrición.

Farase un percorrido polos traballos arqueolóxicos guiado polos profesionais que traballaron neles. A igrexa será o “centro de recepción de visitantes” onde se proxectará un breve vídeo (duns 3 minutos aproximadamente) sobre este ano da compra, os labores de escavación e os datos históricos dos que agora se dispoñen sobre Santa Clara. Tamén se lles entregará un folleto cunha breve explicación da visita.

Os visitantes farán un percorrido previamente definido e pararanse en distintos puntos onde os agardarán os guías que irán explicando a historia de Santa Clara a través dun relato histórico.

Logo de acceder á Igrexa, os visitantes entrarán no convento pola porta de Carros para dirixirse até o edificio do século XVIII, á chamada sala das Tullas onde se atoparon muros das antigas edificacións de Santa Clara. Trátase dun baixo non aberto ao público xa que estaba totalmente cheo de entullos.

Continuarán cara o lagar, e a adega, para saír polo claustro onde poderán ver los enterramentos sen os osos retirados para o seu estudo.

Sairán cara o exterior para ver as canalizacións e pavimentos atopados ao carón do antigo cemiterio, e trasladaranse polo xardín ao antigo refectorio e a cociña coa lareira, onde se lles indicarán os costumes e a evolución daquelas dependencias.

Antes de saír, pasarán pola parte máis antiga da edificación, onde se lles explicarán as hipóteses que se barallan sobre a creación do convento.

Ao tratarse dunha xornada de portas abertas “singular” xa que se disporá de guías informando dos principais fitos do convento, a Concellaría de Patrimonio Histórico recomenda que as visitas se vaian presentando ao longo da xornada para evitar grandes esperas. De todos os xeitos, a planificación prevista pola Concellaría permitirá que arredor de 250 persoas estean simultaneamente nos distintos puntos do convento.

Estas xornadas están incluídas dentro dunha programación máis ampla que o Concello de Pontevedra organiza xunto á Deputación provincial que está a celebrar un ciclo de conferencias sobre as escavacións arqueolóxicas. De feito, mañá pola tarde, na igrexa a partir das 19.30 horas falarase de “A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara”. Dr Olalla López e Clara Veiga, responsables dos estudos de antropoloxía, falarán sobre as inhumacións.


Está pasando!